A Copa Mörling, a competición que premia a mellor dorna a vela galega ao termo das cinco probas do seu calendario, chega hoxe á súa penúltima cita. Esta tarde, desde as catro e media, a Regata dos Faros do Grove porá a proba a tensión entre as tripulacións do inusual número de aspirantes ao título rexistrado este ano.
A Pereka da ACD Dorna da Illa de Arousa encabeza a clasificación provisional cun só punto de vantaxe respecto á Fungona e dous á Jalerna, ambas as dúas embarcacións dos Dorneiros Regateiros de Cambados.
Organizada pola Asociación de Amigos da Dorna Meca e por Culturmar, a Copa Mörling non coñecerá o nome do seu gañador ata o 22 de agosto, día no que se fixou a quinta e derradeira proba da competición: a Regata da Reiboa en augas de Combarro.