A xente foxe de vilas e de aldeas cara ás cidades, Só queda, como esperanza, a xuventude e a forza, formación, innovación e resiliencia que lle son propias.
05 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Galicia é rural no territorio. Só hai unhas cantas aglomeracións urbanas —non sendo Vigo, A Coruña e Santiago, así, así—. E constatar que o noso medio rural vai quedando abandonado é dicir que Galicia se está a desfigurar e a anular. A xente foxe de vilas e de aldeas cara ás cidades, que, nese crecemento sen control, e globalizado, despersonalizan, desidentifican; a paisaxe lingüística delas desmoraliza e a parvada de castelanizar todo abafa. Mentres, no rural, os espazos e, en particular, o valor dos solos agrarios, non se teñen en conta ou desprézanse; e, chegados recentemente, os organismos administrativos denominados protectores do medio ambiente consolidan unha infestación de maleza, como se ese estado de abandono fose o natural; a xuventude —cada vez hai menos nacidos no rural— busca vida aquí e alá, por dentro e por fóra, pero noutros lugares lonxe das aldeas, sen vinculacións coa cultura e co territorio, e desenvolvéndose como unha especie de híbridos iguais aos de aquí e de acolá. Un proceso ao que axudan a globalización e o turismo masificado.
As xentes e os territorios rurais galegos esmorecen nun proceso iniciado hai unhas catro décadas. E, pola nosa contorna, cunha perda de cultura agraria; perda incrementada polo monocultivo de vides coas implicacións sanitarias e medio ambientais. A ONU celebrou onte o Día Internacional das Cooperativas e mañá conmemora o do Desenvolvemento Rural, aínda que pon a súa ollada noutros continentes fóra da Unión Europea. Son dúas celebracións que poden axudar a reflexionar, porque, probablemente, un cooperativismo entendido para a actualidade pode ser un vieiro para mellorar a abandonada riqueza rural.
Tal como vai hoxe o mundo é comprensible —triste tamén— que a xuventude fuxa do rural. Iso provoca unha perda paulatina de forza, de liderados para revitalizar a riqueza económica e cultural das aldeas. Evidentemente o exercicio político actual tampouco axuda, máis ben ao contrario. A Administración non inflúe, non ve, non adopta medidas. A reordenación administrativa da propiedade e dos usos agrarios tiña que ter un impulso permanente desa Administración, que anda enleada noutras cousas derivadas da barafunda política, especialmente da madrileña. Só queda, como esperanza, a xuventude e a forza, formación, innovación e resiliencia que lle son propias. Non hai nada máis. As nosas terras agrarias poderían transformarse nas provedoras alimentarias do chamado quilómetro cero e reforzar a seguridade alimentaria, crear oportunidades económicas e favorecer a estabilidade a longo prazo. Aquí o consumo en calquera supermercado —non sendo nalgunhas, poucas, tendas de aldea— é de produtos producidos lonxe, a miles de quilómetros. Pero non se pode esquecer que as explotacións agrícolas familiares producen o 80% dos alimentos do mundo e iso quere dicir que as zonas rurais pódense transformar no corazón dun progreso sostible.
Di a ONU que «cando as zonas rurais contan cos recursos que necesitan, as comunidades están mellor preparadas para resistir as crises, a mocidade ten máis motivos para labrarse un futuro no seu lugar de orixe e os produtores contribuirán de forma plena aos mercados locais, nacionais e mundiais. Os datos indican que un aumento do investimento nas zonas rurais equivalente ao 1 % do PIB dun país pode reducir a emigración internacional en case un punto porcentual». Así que unha arma fronte ao abandono do rural, que a Administración non está a ser quen de impedir, tamén ten relación coa cooperativización. Por exemplo, se os propietarios minifundistas da terra puxesen en común o seu uso —en vez de esperar por unha reparcelación administrativa que non chegará— significaría un pulo inmenso para manter poboación, identidade, cultura, seguridade alimentaria e, en fin, desenvolvemento. E, por poñer un exemplo, con medidas sinxelas como que a Administración obrigase a que os comedores escolares tivesen que servir produto de quilómetro cero, habería un comprador permanente; e os nenos comerían alimentos saudables.
Volver ao rural influiría no medio ambiente e, de seguro —e escribo isto como broma causada pola perplexidade— non se verían proxectos políticos que lle chaman crear un refuxio climático a instalar unha pérgola. Así que, en resumo, o rural precisa xuventude que lidere a súa recuperación en beneficio de todos. A única esperanza para el é unha mocidade valente, porque todo o demais xa o abandonou.