El Concello de O Grove pretende que a información pública dun PXOM do 2014 valga para outro do 2025
02 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Grove leva desde o 2002 co planeamento suspendido, como consecuencia do escandaloso número de infraccións e atentados contra o territorio permitidos daquela nese municipio. Nestes días, sen que a cidadanía teña acceso aos documentos completos que se queren someter de maneira subrepticia a unha terceira aprobación provisional dun proxecto de PXOM de 2020, desde a Alcaldía remitíronse aos concelleiros informes e rectificacións que estes concelleiros agachan e non dan a coñecer. Están convocados para volver aprobar provisionalmente, por terceira vez —algo inaudito—, un PXOM que nunca foi sometido legalmente a información pública para que os cidadáns alegasen en defensa dos intereses de cada un e participasen no deseño do seu municipio. Se a Administración autonómica, ou a Xustiza despois, chegan a ter coñecemento da inexistencia de información pública decretarán a nulidade de todo o procedemento e haberá que empezar de cero. A cuestión tenche a súa historia: No 2014 o goberno municipal (PP), con Miguel Ángel Pérez como alcalde, someteu un plan bo e ambicioso a información pública para que se puidesen facer alegacións, pero sen explicárllelo aos cidadáns. Este descoñecemento provocou unha manifestación masiva apoiada interesadamente por partidos políticos e contribuíu a que nas inmediatas eleccións municipais de 2015 houbese un rotundo cambio de goberno con maioría de concelleiros do PSOE. Deseguido, en xuño de 2015, o novo goberno local rescindiu o contrato coa empresa deseñadora dese anterior PXOM e contratou un novo arquitecto para redactar, adecuar e tramitar o PXOM. Exactamente así. Elaborado un novo documento, presentouse cinco anos máis tarde. Eliminaba estradas previstas e case que todos os desenvolvementos urbanísticos do anterior, sendo, incluso en enfoque, completamente diferente do de 2014, como tamén se encargaron de resaltar os representantes locais. Produciuse a primeira aprobación provisional, sen información pública para alegacións. Portos de Galicia, Costas e Patrimonio Cultural manifestáronse en contra. Rectificouse no 2023 e houbo unha segunda aprobación provisional, de novo sen sometemento a alegacións dos cidadáns, so co coñecemento, presunto, dos concelleiros. Esa nova versión foi rexeitada outra vez e no 2024 engadíuselle diversa documentación, resumida en setenta páxinas de rectificacións de erros. Só dispoñen dela os concelleiros. Cal foi o custe de todo este proceso irracional?. Os informes do arquitecto redactor e dun avogado particular contratados polo Concello, afirman que non fai falta exposición pública, porque, opinan eles, que foi suficiente a do diferente documento de case once anos atrás, no 2014, rexeitado popularmente e polo goberno municipal. Suprimir así a información pública sería dicir, —non é verdade—, que o Plan de 2024 é o mesmo que o de 2014. Alguén erra. Polo demais, o texto consolidado deste novo PXOM coas rectificacións, se é que existe, está oculto e dubido moitísimo que os concelleiros o coñezan; os edís tamén agachan esas rectificacións e informes, sen que os cidadáns poidan saber delas. E parece ser que nin sequera eses membros do Pleno dispoñen do novo Catálogo de Patrimonio Cultural. Ademais aínda non se emitiu o informe preceptivo, preceptivo, do Secretario municipal, pretendendo substituílo polo dun avogado a servicio do Concello, —outra causa de nulidade—. A ONU e o Parlamento Europeo sinalaron que a práctica urbanística no Estado español xera corrupción. O Informe Auken, do PE, afirmou que a corrupción asociada ao urbanismo provocou danos irreparables no medio ambiente, sobre todo no litoral e favoreceu a especulación. Por iso houbo que reformar a lexislación introducindo transparencia, ética pública e reforzando a participación cidadá, fortalecendo o dereito de todos a participarmos na elaboración dos instrumentos de ordenación territorial con formulación de alegacións. No Grove, en 2025, preténdense descoñecer eses dereitos cunhas présas inaceptables despois de vinte e tres anos sen normas. Sería prudente rectificar e que o novo PXOM saia a información pública. Aos veciños vailles moito.