PSOE e BNG critican o balance triunfalista feito por David Castro na Mancomunidade do Salnés
O GROVE

Falan de «farsa» e «hipóteses» e pídenlle ao presidente autocrítica pola fractura política que vive a entidade
06 dic 2024 . Actualizado a las 16:12 h.Como cabía esperar, nin ao PSOE nin ao BNG convenceulles o balance triunfalista que fixo o mércores o presidente da Mancomunidade do Salnés, David Castro, sobre os seus once primeiros meses de xestión. O voceiro nacionalista na entidade, Manuel Suárez, fala de «farsa» mentres que a ex presidenta, a socialista Marta Giráldez, acusa a David Castro de sustentar o seu discurso en «hipóteses».
Castro valorou en 11,8 millóns de euros o montante económico das súas xestións durante o 2024, unha cifra que a esquerda considera inflada tendo en conta que algúns dos proxectos foron herdados do anterior mandato e moitos non teñen consignada partida orzamentaria, caso da ampliación da estación de auga potable (ETAP) ou a reparación da tubaxe da auga a O Grove.
A iso hai que sumar «o desgoberno sen rumbo da mancomunidade», en referencia á fractura aberta tras a moción de censura presentada polo PP o pasado xaneiro, que levou aos alcaldes do PSOE —cinco de nove no Salnés— a non acudir ás comisións executivas nin aos plenos.
Á xunta celebrada o mércores en Cambados só asistiron dous dos nove rexedores, o cal para o BNG deixa patente a deriva que colleu unha entidade na que sempre primou o consenso. Marta Girález incide nesta cuestión e bota de menos un pouco de autocrítica por parte de David Castro. «O mérito que ten é o de ter roto a mancomunidade».