A centola macho reina no inicio da campaña no Grove

leticia castro REDACCIÓN / LA VOZ

O GROVE

Mónica Irago

Os bos prezos e capturas escasas, tamén en Cambados, caracterizaron a primeira xornada da tempada do marisco rei

12 nov 2024 . Actualizado a las 04:45 h.

A centola do Grove chegou onte á lonxa para ledicia de quen espera con ansia o crustáceo rei sobre o mantel, pero tamén para os mariñeiros a pesares de que moitos non lograsen o tope. Foi un arranque tímido coas instalacións repletas, e onde reinou a centola macho. Iso comentaban os compradores, pero era obvio á vista. Os machos tiñan bo tamaño e parecían cheos. A flota capturou na primeira xornada uns 2.857 quilos, unha cantidade menor á do ano pasado, pero o primeiro miño foi a 27,60 euros, case dous euros por riba do inicio da última campaña.

Está claro que chegou menos marisco, como apuntaban as previsións iniciais. Tamén se deducía dos exemplares que marchaban cos compradores habituais, como Manolo de Porteña Mar, que ía para Camelle con trescentos quilos da ben chamada mellor centola da ría, polo seu sabor, uns cen quilos menos có ano pasado. «Hai cousa boa, e os machos, espectaculares», apuntaba. Na mesma tesitura estaba Lola, de Mariscos Trelles, que arrancaba para San Vicente con máis de douscentos quilos.

As sensacións eran dispares entre os mariñeiros. Houbo quen con cinco tripulantes e 210 quilos de tope só colleu 35, embarcacións pequenas como a de Agapito Solar, o Yes, Allright, co tope en setenta, que recoñece que moita da centola botouna ao mar de volta: «As capturas foron regulares», di. Na súa opinión aínda é moi cedo, e o marisco está delgado, polo menos na costa da Lanzada. Pero onte na lonxa meca había quen chascaba as mans, porque lograra coller o tope. É, de seguro, cuestión de sorte, porque o tempo xoga un papel fundamental e o alimento do fondo tamén.

O armador e vicepatrón maior, Antonio Otero, confesaba que a pesca fora menor cós últimos anos «porque o tempo non acompaña, e dan máis norte, máis frío e lúa, e iso vai en contra da pesca da centola», sinalaba, aínda amosándose optimista: «O prezo de saída xa foi máis alto có ano pasado, e temos que valorar os cartos que facemos, se pescamos pouco e o pagan máis, non é malo».

A esta campaña quédalle aínda moito por diante, pero o arranque do ano pasado foi distinto: «Fíxose en menos tempo, e hoxe houbo que levantar toda a rede”, explicaba. Como dicía o vicepatrón, a maior parte da flota dos miños leva dous meses amarrada e a apertura da veda é para todos eles unha festa.

En Cambados, as capturas rozaron os seiscentos quilos. Escasos, na opinión da flota. Aquí, a primeira parada de macho chegou aos 15,50 euros, mentres que a da femia ía a 22,10 euros. Aínda é cedo, pero o volume de inicio foi curto, e moitos barcos regresaron sen acadar o tope.