Deste estraño outono sen solleiradas

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

O GROVE

Martina Miser

 A política galega, lamentablemente subsidiaria da española, que xa se sabe que nunca provoca incendios, tamén empeza a fumegar

05 nov 2023 . Actualizado a las 19:45 h.

Pois aquí andamos ás voltas, aturando unha sucesión de borrascas que nos acometen deseguido, seguramente como ten que ser. Chove e venta sen paraxe e parece un outono de verdade. O outono galego non é colorido, resulta un algo tristeiro, monótono, non sei se coa idea de acabar deseguido ou pervivir ata que irrompa a primavera. Pero aínda sendo anódino é unha mágoa que tanto vento seguido guinde as follas das nosas árbores aínda verdes, como tronzándolles a vida, sen que lles dea tempo a tornárense neses insulsos ocres, marróns e, nun alarde, ata amarelos. No mundo político tampouco se está a ver un outono típico, que acostuma ser somnolento, como para coller ritmo, como de inicio de curso. Non, neste outono a política non anda adurmiñada, vai espelida en modo borrasca tola e parece descontrolada. Cada facción quere demostrar toda a súa forza bruta, mesmo como se estivesen na primavera cando toda a Natureza se desboca incontrolable. Neste momento non hai sentido común e cada un rexeita ter algo que compartir co outro. Tanto temporal revolto non deixa atopar espazos para resgardármonos, ningún abrigo. O outro —do que tanto falaron Hegel, Sartre ou Simone de Beauvoir— é, agora, sen medias tintas, un alleo, un inimigo ao que non se lle pode dar respiro: hai que liquidalo. Nin se buscan nin parece haber espazos en común, acubillos. As palabras convértense en temporais violentos, sen intre de acougo; sen podermos gozar das mornas raxeiras que sempre aparecen entre tronada e tronada. Sen calma. Estamos nunha sucesión permanente de borrascas que nos sacoden á súa vontade, andamos nunha guerra sen tregua. A política galega, lamentablemente subsidiaria da española, que xa se sabe que nunca provoca incendios, tamén empeza a fumegar e, un día calquera, cando se considere que o outro, o rival, estea débil sorprenderannos cunha data para acudir ás urnas. E os galegos diremos o que vimos dicindo: Xa se sabe que por aquí somos desinteresados e impórtanos ben pouco que Cataluña ou Euskadi —lamentablemente dinnos tantas veces que son os outros— acaden grandísimas vantaxes por teren partidos de seu, que só buscan como obxectivo defender o propio e non o dos máis. Seremos nosoutros os outros para eles?. Non, non, xa son sabedores, que vimos sendo bos e xenerosos e estamos en sermos todos uns, aínda que non nos perdoen quince mil millóns, -—quen os vira!— porque nós, xa o coñecen, temos moi en conta aos outros, se cada por non saber que somos nós. E, ademais, eles albiscan que nos conformamos con migallas e se nos din que pedimos pouco sempre resulta que, moi espelidos, diremos que oe, que frangullas non ten tradución exacta no español e que, se un se fixa ben, non é o mesmo que migallas. Estamos en que benvidas sexan as frangullas, que ás veces nos din que son sopas. Así que: que máis darán frangullas que migallas. Este outono é estraño, violento, fervente, con guerras sen humanidade por todo o mundo e coa clase política empapada de belicismo, vendo sempre no outro ao inimigo. Este artigo tamén vén sendo unha borrasca, unha mestura de vento, choiva, pedrazo ou, incluso, unha chea de frangullas. Todo enleado. Teranme que desculpar porque con tanto temporal, no mar, na terra, no social, precísase máis talento para adiviñar o rumbo. Fai falta unha solleirada, gozar un algo da delicia do sol entre as tormentas para ver que hai camiños abertos e comúns para transitar, rumbos que seguir. Viña ben unha boa solleirada nestes días de tanta tempestade. Estou matinando que hai moitas palabras para dicir solleirada en galego, como raxeira ou raiola; pero non me dou conta como se dirá solleirada en castelán. Se cadra aí está a clave: igual non saben o que é e, por iso, todo lle é ou soleado ou furacán. Non coñecen o pracer dunha raxeira para gozala e botar un parrafeo xuntos. Que ben viría!.