Da que foi Torre de Lores

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

O GROVE

A rúa da Carrela no seu esplendor era o Manhattan grovense: quen quixese demostrar poder tiña que residir nela

13 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A rúa da Carrela no seu esplendor era o Manhattan grovense: quen quixese demostrar poder tiña que residir nela. A Torre de Escuredo é a metade da Casa da Torre, un vello pazo adquirido por Luís Mestre Roig, que repartiu entre os fillos Luis Antonio e Luisa, con diversas condicións como as de pagar legados aos netos Jaime, Carlos e Luis Solá Mestre, a obriga de realizar unha medianeira divisoria e unhas escaleiras novas, a cargo de Luisa.

Á casa desta onde estaba a torre vella, máis ben silo, engadíronselle adegas, patio, xardín, viñedo e un pombal cilíndrico de cantería. Quedaron indivisas a capela e un depósito de auga que daba servizo con tubaxes de ferro ás dúas partes e constituíuse unha servidume con saída polo Oeste para  que Luis, puidese retirar o «abono do actual escusado». Na partilla foi valorada en catorce mil oitocentas pesetas. Os ingresos de Luisa Mestre desapareceron cos negocios ruinosos de Jaime Solá Mestre e coa venda dos dereitos na Toxa. No 1916 plantouse na escena o Excelentísimo Señor don José Riestra López -así consta na escritura-, daquela dono da maior parte da Toxa, para adquirir este inmoble. Riestra era o poder en Pontevedra. Seu pai, asturiano, fixera fortuna como avogado e concesionario do subministro do sal. El incrementou a riqueza e a súa influencia foi tan inmensa que daquela dicíase que España tiña corenta e oito provincias porque a restante, Pontevedra, era de Riestra. Nomeado marqués en 1893, o título mantéñeno os descendentes. Exerceu a política, como deputado e senador vitalicio. Residía nun pazo na Caeira —onde hoxe é o Liceo Casino—, tiña por alí unha fábrica de tellas e ladrillo, era dono da Banca Riestra, xestionaba o cobro de foros na provincia, promoveu o alumeado eléctrico de Pontevedra ou o tranvía a Marín. A quimera que o trouxo a O Grove foi a creación dun emporio turístico co complexo termal da Toxa, aparte de erguer a factoría de sales de baño e xabón. Non debía ser mal home porque utilizou o seu pazo da Caeira para tratar de balde a feridos da guerra de Cuba. Ou nese labor filantrópico ou para exhibir o seu poderío no Grove adquiriu a Torre de Luisa Mestre, pero nunca chegou a residir nela. Consentiu que Luisa, e os fillos Mariana e Luis, seguiran vivindo algúns anos alí; Luis casou cunha señora da familia dos Veiga e levou consigo parte do mobiliario, que hoxe está no pazo dos Salgado en Cambados. Cóntame Francisco Meis que nai e filla, polos anos trinta, foron acollidas na pousada de Juan Prol, onde faleceu a nai; Marianita, mudouse deseguido para a hospedería Casa Blanca, que sufragaba o seu neto Alfonso e máis tarde trasladouse á casa-escola de Lola Ferrer, en Peralto, a dar clases de piano e a entreter aos nenos. Enferma, o seu pasamento foi na residencia Montesacro de Cambados. Entrementres, o imperio Riestra quedara ferido de morte polas inversións na Toxa e a illa e a Banca Riestra foron absorbidas por Barrié de la Maza e o Banco Pastor.

Falecido José Riestra, algo raro pasou coa Torre: figuraba no Rexistro da Propiedade a nome seu e, sen embargo, Francisco Lores Fernández —El Marino: fábrica de conservas, flota, cine— comproulla a Industrias Gallegas S.A., de Barrié, en 1938, tendo que emprazar xudicialmente aos herdeiros do Marqués para inscribila. Barrié, outro poderoso dono da Torre. Lores transformou a finca e inscribiuna con catro edificios.

Entre eles, a vivenda de tres plantas con torre nova e local comercial. Dooulle todo á filla María Lores González. E esta, en 1989, vendeulla por cen millóns de pesetas á sociedade pontevedresa Promociones La Torre S.L., administrada por Manuel Cerviño e Florencio Vázquez. O Concello de O Grove pechou os ollos para que esta promotora levantase un edificio horroroso de soto, baixo, entreplanta e corenta e oito vivendas. As explosións para a escavación do soto axudaron a arruinar a Torre de Escuredo, coa pasividade dos propietarios. A Torre de Escuredo tamén é testemuña principal da desfeita urbanística, parte da nosa historia. Non sería bo que, substituída por outro edificio de pisos, calase para sempre.