Dunha Sala Castuera na Torre de Escuredo

La Voz

O GROVE

JUAN MANUEL CASTUERA

25 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Disque as futuras xeracións do Grove non van saber que polas solaina, salas e corredores da Torre de Escuredo resoan coros de poetas, pintores, empresarios, escritores. Dirán que todo foi soño de pretensiosos, que nunca se ergueu a Torre, nin ninguén habitou nela, porque eles verán alí unha construción vulgar de pisos e que se fose verdade que algún día existira a Torre de Escuredo, sería absolutamente imposible que unha vila coma O Grove, —disque afoutada que matou o Meco, disque turística, disque faltosa de patrimonio— quedase impasible a contemplar como ía desaparecendo tan fermosa casona, facendo tanta falta. Matinarán que debeu ser un soño de alguén que lle fixo crer a todo o mundo que había un edificio belido por onde pasearon, como nos recorda Francisco Meis, sabio e un tanto extenuado xa, os Fernández Mariño de Soutomaior, Xaime Solá, Luis Antonio Mestre, Francisco Otero Moraña, os Otero Goday, Emilia Pardo Bazán, Valentín Lamas Carvajal ou José Gil e, claro, Xosé Conde Corbal. E de que eses nosos descendentes cismen que a Torre de Escuredo foi pura ilusión, pode que teña a culpa, seguramente, Juan Manuel Castuera. Estou convencido que será o responsable, porque aínda que retratou maxistralmente a vida do Grove, parece ser que esqueceu tirar unha foto da Torre. Juan Manuel Castuera (Gondomar 1921, Vigo 1990), un dos grandes fotógrafos do século XX, amigo de Conde Corbal e quen, entre outras moitas cousas, empuxou a Manuel Ferrol, 1923-2003, a dedicarse á arte da fotografía para converterse de fillo do torreiro de Cabo Vilán en fotógrafo de sona universal. O domingo pasado instaba desde aquí ás diversas Administracións e á familia de Xosé Conde Corbal a que fixesen o posible por destinar A Torre de Escuredo a Museo no que se expuxese a obra dese artista, cunha sala permanente dedicada aos seus gravados relacionados coa posguerra, porque, aparte da calidade propia da obra, é a colección máis importante que existe dun pintor do século XX con esta desgarrada, e pedagóxica, temática. Sería o único Museo español cunha colección así. Con ilusión tamén suxería espazos para os pintores grovenses Ernesto Goday e Carlos Álvarez. E agora, resulta que necesito outra Sala. O polígrafo Antón Mascato, tamén de saberes enciclopédicos, faloume da magnífica obra de Juan Manuel Castuera relacionada co Grove. Castuera, autodidacta, ten entre as mellores fotografías as de temática mariñeira, agraria e retratos de nenos. En 1948 na revista Mares foi portada a súa fotografía Un día en la niebla en El Grove. De 1954 a 1966, residiu en Montevideo onde alcanzou sona e no 1958 a revista dirixida por Luis Seoane, Galicia Emigrante, divulgou o traballo cru das mulleres a extraer barro na Enseada do Vao. Cando retornou de América contratouno o Ministerio de Información e Turismo como fotógrafo; despois recalou en TVE colaborando no NO-DO e, logo de pasar polo INEF, volveu a Galicia en 1978 destinado ao centro rexional de TVE, onde se xubilou no 1985, para encargarse brevemente do arquivo da TVG. Faleceu en Santiago. A produción fotográfica del consérvaa a súa viúva, Olga Piedras. A relación de Castuera co Grove vén da man de Xosé Conde Corbal. Contóunolo moi ben Antón Mascato na Nova Ardentía de 2020: «Ramón Mascato Domínguez, Moncho, organiza unha campaña publicitaria dos produtos da fábrica de Conservas Yago e para facelo recorren á habilidade artística de Xosé Conde Corbal, debuxante e pintor, e ao fotógrafo Juan Manuel Castuera Alonso. Ambos compartían nos primeiros anos de 1940 amizade e esmorga na cidade de Pontevedra, mais tamén ansias artísticas e culturais (....) Na primavera de 1946, Juan Castuera, Moncho Mascato, José Otero Caamaño e Juan Mascato Padín pasan varios días pola ría de Arousa, abordo do Meco, elaborando unha montaxe que nos deixou probablemente a mellor serie fotográfica do mar de Arousa, quer polas súas condicións técnicas, quer pola calidade intrínseca de Castuera». Estamos a tempo de non botarlle a culpa a Castuera de que a Torre de Escuredo non sexa unha alucinación colectiva nin, claro, a Calderón porque é probable que o Museo Conde Corbal na Torre de Escuredo non fose como dicía neses versos tan populares «Una ilusión, una sombra, una ficción,?», porque aínda é doado que as vindeiras xentes do Grove saiban que a Torre de Escuredo non foi unha quimera!