Desde o esquecemento rumbo ao futuro de Adro Vello

O GROVE

LETICIA CASTRO

O xacemento de San Vicente vai transformarse no máis estudiado científicamente de Galicia

11 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O xacemento de Adro Vello, Ben de Interese Cultural de Galicia, quedou abandonado desde as últimas e curiosas prospeccións nos anos 80 do falecido José Carro Otero, cunhas mínimas intervencións posteriores. Antes da imprescindible incoación do expediente para declaralo BIC, xunto co Castriño e demais contorna de protección, o desleixo era lamentable, espolios incluídos, e, ademais, sometido a ocorrencias de políticos locais, asustados polo inxente labor que se precisaba alí, aínda sendo coñecedores do potencial cultural e, incluso, turístico que representa este espazo, situado nunha paraxe espectacular e que vén sendo o resumo, concentrado, da historia de Galicia.A verdade é que, por riba desa desidia que se observaba, para os arqueólogos sempre foi unha especie de Arcadia e todos gardaban a ilusión de traballaren alí. No prazo de quince días proseguiranse as investigacións in situ -suspenderanse en agosto para continuar no setembro-. É moi destacable, porque rompe coa concepción dunha arqueoloxía individual, que estas esculcas son compartidas polos mellores equipos científicos de Universidades públicas. Ademais, un grupo multidisciplinar elabora un Plan Director programando e deseñando o futuro do xacemento, coa posibilidade, no prazo dun ano ou dous, de que quede musealizado. Adro Vello vai transformarse de xacemento desprezado no máis estudiado científicamente de Galicia e nun importante destino. Este ano, co financiamento da Consellería de Cultura, a colaboración do Concello do Grove e da Igrexa, e, sobre todo, gracias ao talante profesional, participativo e cooperador no ámbito científico do profesor Adolfo Fernández, impresiona a calidade e diversidade dos especialistas que van poñer luz sobre Adro Vello: O grupo GEATT da Universidade de Vigo, co citado profesor á cabeza, coordina e dirixe o proxecto ocupándose dos traballos arqueolóxicos e de conservación-restauración. A Universidade de Santiago, Ecopast, elaborará o estudo antropolóxico dos esqueletos do cemiterio e os edafolóxicos. O Instituto de Xeoloxía da Universidade da Coruña datará as estruturas mediante a técnica OSL e examinará a evolución xeolóxica en relación ao nivel do mar. Membros do Centro de Investigación Científica Avanzada, tamén da Universidade de A Coruña, monitorizarán Adro Vello para detallar os procesos erosivos. Investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas e da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo avaliarán as dinámicas de ventos e ondas que afectan a praia e dunas no Carreiro. O grupo Ephislab, da Universidade de Vigo, indagará nos datos climáticos co obxectivo de predecir a evolución do xacemento. Virán investigadores do CINBIO da Universidade de Porto para estudaren sementes e madeiras recuperadas alí, obter datacións de carbono 14 e coñecer o tipo de bosque que existiu ao longo dos 2000 anos de vida de Adro Vello. O CIIMAR, tamén da Universidade de Porto, vai obter o ADN da sardiña atopada nun dos píos de salga. Con respecto a estes restos seguramente nunca se saberá -póñalle imaxinación, lector- por cal motivo os que efectuaban o labor de salga fuxiron deixando polo menos un cubo cheo -quedan outros por investigar debaixo da estrada-. Estes mesmos restos de peixe e moluscos da época romana e medieval están a ser estudados por especialistas en arqueofauna da Universidade de León. Os morteiros empregados na construción dos diferentes edificios serán analizados por investigadores da Universidade do Minho (Braga) e da Universidade de Aveiro. Por outra banda, estase a elaborar unha tese de doutoramento que describirá como lle afectará o cambio climático. Impresionante. Di o doutor Adolfo Fernández que «Deste proxecto sairán ducias de publicacións científicas e traballos académicos que lle darán un novo valor a Adro Vello, o valor científico e informativo». E, sobre todo, importa moito esta súa afirmación: «Os resultados dos traballos procurarán sacar do ostracismo a este xacemento e devolvelo á sociedade». Con esa idea, realizarán con frecuencia visitas guiadas e probablemente unha intervención teatral. Non dubidemos en darlle apoio e esixilo a quen corresponda.