
«Sona a inxustiza que fosen os maiores os que axudaron a construír o Estado de Benestar e que, agora, este non sexa quen de apoialos cumpridamente»
16 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Como xa veño dicindo, gustaríame ser alcalde e estoulles a contar o que faría se resultase elixido para tal dignidade. Nesta ocasión confésolles que escribo cunha mestura de medo -vou tendo unha idade física- e vergonza, decepcionado por pertencer a unha sociedade desagradecida -non sei se se pode dicir mala-. Éche certo que se avanzou na atención pública aos maiores, incluso en calidade, pero tamén que ese progreso vén forzado pola incorporación das mulleres ao mundo laboral, porque elas foron, seguen a ser, as que asumiron a atención dos maiores no fogar. O Estado de Benestar vai complementando esa dedicación, moi lentamente en España. Son demasiados os problemas que se albiscan e que se incrementarán nos vindeiros anos xa que os nacidos nas décadas dos cincuenta aos setenta, eses aos que nos chaman os do baby boom, e que cotizamos como tales, iremos alcanzando idades avanzadas. A calidade de vida dos maiores consérvase mentres permanecen con capacidade no entorno vital e coa actividade que desexen levar a cabo. A ingratitude da sociedade aparece descarnada cando ese maior sufre algún tipo de discapacidade ou dependencia e resúltalle vital un apoio. En Galicia esta axuda é precaria e cara. Sona a inxustiza que fosen os maiores os que axudaron a construír o Estado de Benestar e que, agora, este non sexa quen de apoialos cumpridamente. Os datos da provincia de Pontevedra publicados no 2021 dan calafríos. Aí van algúns referidos ás residencias. Non esquezamos que somos un dos países con máis lonxevos do mundo e, polo tanto, onde máis se necesita un modelo para coidalos. A nosa provincia ten unha poboación que se achega ao millón de persoas, das que unhas duascentas vinte mil cumpriron máis de 65 anos. Destas, cerca dun 20 por cento están en situación de dependencia e case un 10 por cento teñen algunha discapacidade. Para todas elas disponse dunhas cinco mil prazas residenciais. É dicir: só o 2% deses maiores poden aspirar a unha. Se ordenamos as provincias españolas con esa ratio, por detrás dos pontevedreses só quedan Ceuta e as Illas Canarias. As residencias privadas son 59 -o 80% das prazas, unhas catro mil-, e as públicas 11, co 20% das prazas, unhas mil. Esta escaseza forza demasiadas veces a moitos maiores a un exilio imposto, excluíndoos do seu entorno e da súa familia, en residencias a centos de quilómetros, arrincados do seu e dos seus. A pensión media de xubilación actual en Galicia está nos 1.100 euros mensuais; evidentemente, por exemplo nos ámbitos agrario, pesca de baixura e autónomos a contía baixa desa media. Falemos dos prezos das residencias e admirémonos de como será posible asumilos, e non pregunte se está xustificado o ánimo de lucro neste eido nin teña en conta que cando ocorre calquera problema sanitario quen atende aos nosos maiores é a sanidade pública. Pois ben, unha residencia privada ten un prezo que se achega aos 3.000 euros mensuais. Os que teñan a sorte de accederen a unha praza nunha residencia pública asumirán un prezo medio de 1.500 euros ao mes -soen contar con algún tipo de subvención, financiamento público, copago, segundo os recursos-.Non é razoable, non é xusto. É ofensivo. Terían que ser de balde. E, ollo, non deixe de pensar que durante a pandemia, se ben houbo residencias privadas que investiron nos equipos necesarios para superar esa peste salvando moitas vidas, tamén foi certo, como di o CERMI, que esas residencias privadas maioritariamente foron unha especie de buratos negros, nos que morreron en soidade 20.000 maiores en España -arredor do 5% dos usuarios-, cos conseguintes dramas familiares por non permitirse nin unha despedida, nin un trato digno. Se chegase a ser alcalde non sairía da Consellería ata ter cuberta a atención pública, incluso municipal, aos maiores no entorno de seu. Non poría límite de gasto niso porque é cuestión de xustiza. Ou mellor: de termos vergonza.