Aínda que se lle retirara a protección como BIC, o emblemático edificio do Grove segue a estar catalogada como Patrimonio Cultural
05 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello do Grove, cos únicos votos do PSG-PSOE, aprobou días pasados unha modificación puntual da normativa urbanística para cualificar como equipamento de uso e dominio público municipal o espazo ocupado pola denominada Torre de Escuredo. Esta incoación deberá, por dicilo dalgún xeito, ratificarse pola Xunta e despois ser aprobada definitivamente no pleno. Pode suceder antes das vindeiras eleccións. A modificación será executiva, aínda que os interesados poderán recorrer diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O recorrido xudicial para validar, ou non, esa modificación será breve porque se basea en normativa autonómica —Lei 1/2019, de 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia— que, entre outros obxectivos busca a conservación dos patrimonios edificatorio e cultural, tendo en conta, precisamente, que, hoxe por hoxe, aínda que se lle retirara a protección como BIC, a Torre de Escuredo segue a estar catalogada como Patrimonio Cultural por figurar así nas normas urbanísticas, que, nese punto, non foron suspendidas polo Decreto Cuíña. Ademais é unha loable iniciativa política desde o punto de vista do interese público, que, obviamente, é o único criterio que pode animar a alcalde e concelleiros, porque o proveito particular non pode estar presente na mesa do pleno municipal, nin formarse criterio con el. É unha moi boa nova coa que, por fin, se afronta a penosísima situación dese inmoble céntrico e, sen dúbida, permitirá configurar unha extraordinaria zona pública de servizos, en unión con outro inmoble adquirido hai ben pouco, nunha zona que destaca por edificios protexidos. Dous deles, quizá os máis senlleiros do Grove, pasan así a propiedade municipal. Haberá que ver -iso é outra cousa- a capacidade de xestión de a quen lle toque pór todo iso en marcha. A realidade actual é que un conxunto emblemático, —edificio principal e accesorios— propiedade indivisa de múltiples herdeiros, está a derruírse de presa pola falta de mantemento. A Lei de Patrimonio Cultural establece que os propietarios de edificios catalogados —aínda que non sexan BIC— teñen a responsabilidade de conservalos, mantelos, custodialos, evitar a súa perda, destrución e deterioro. O sentido desta norma está no interese social do patrimonio cultural, que transcende ao privado. Non sei cal é a razón do penoso estado actual da Torre de Escuredo pero constátase que nese edificio singular, que o Concello considera patrimonio de xeito ininterrompido desde 1996, non se cumpren as cargas da propiedade. A situación actual é tan lamentable que o seu valor diminúe cada día polas necesarias obras de conservación que non se efectúan. Ou se bota man del ou desaparecerá. Non queda outra que apoiar a decisión política do Concello do Grove, que tamén abre para os titulares desta construción unha oportunidade que, posiblemente, sexa a solución para eles, algún dos cales aínda se sente grovense. Con esta modificación a familia propietaria segue co gravame de manter o edificio en bo estado e non perde, propiamente, ningún dereito, tendo o efecto máis inmediato en que esta casa queda fóra de ordenación. Ese inmoble, de peculiar caracterización arquitectónica, testemuña, aparte do desleixo actual, un pasado enraizado na Toxa, lembra a vida dun escritor que dá nome á rúa na que se atopa, vincúlase aos inicios da actividade conserveira, aparece ligado a diversos avatares locais, e, incluso, a certo culto a unha imaxe relixiosa hoxe deslocalizada en Madrid. A súa conservación é un anhelo popular -que expresa moi ben o movemento Torremakers- e non queda outro camiño que negociar xa un prezo de compravenda. Sería desexable abrir un diálogo económico sensato entre propietarios e Concello para alcanzar un prezo xusto que evite a expropiación, -de dubidosa rendibilidade para a comunidade de herdeiros- que, ademais, poderíase alargar no tempo e provocar a perda definitiva dun edificio único. Esta seria iniciativa política, que celebro, é urxente que sexa acompañada dunha rápida negociación para permitir a toma de posesión inmediata do inmoble e aseguralo, protexelo, rehabilitalo e poñelo ao servizo dos veciños.