Un roteiro pola Lanzada súmase ás rutas ornitolóxicas da Deputación de Pontevedra

O GROVE

DIPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

07 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano máis, e xa vai pola sexta edición, a Deputación de Pontevedra, en colaboración con SEO Birdlife, impulsa o programa de rutas ornitolóxicas Voando nas Rías Baixas. Ofértanse un total de 175 prazas distribuídas en sete saídas por enclaves de alto valor ecolóxico da provincia. «Imos manter o número de prazas. Son 25 por ruta porque é imprescindible que haxa un número reducido de persoas para que se poida facer o avistamento das aves, respectando a súa contorna», remarcou a presidenta Carmela Silva.

O programa conta no 2023 coa novidade de incluír unha nova ruta pola praia da Lanzada (Sanxenxo- O Grove) e a división en dous dos percorridos de Foz da Ramallosa e o Esteiro do Río Miño, que anteriormente facíanse nunha única saída. Deste xeito, a primeira ruta, para a que xa está aberta a inscrición, será o 15 de xaneiro pola reserva ornitolóxica do Complexo Intermareal Umia-O Grove.

Posteriormente, desprazarase ata Foz da Ramallosa (Nigrán), as Ribeiras do Umia (Cambados-Ribadumia), as Brañas de Xestoso (Silleda- Forcarei-A Estrada), praia da Lanzada (Sanxenxo-O Grove), o Esteiro do Miño (A Guarda), e a Enseada de San Simón.