A ONU propuxo cada 9 de setembro como Día Internacional para protexer á Educación de ataques
11 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A Declaración Universal de Dereitos Humanos, artigo 26, di que todas as persoas teñen dereito a unha educación de balde no tocante á instrución elemental e tamén que esta é obrigatoria. Así que a educación básica ten unha dobre cara: por unha banda é un dereito humano e por outra unha obriga. Por causa deste dereito-deber, que trasfega esta semana pasada nas casas onde hai nenos en idade escolar e cantos titulares periodísticos trouxo!: que en algures faltan mestres, —gústame máis a palabra mestre que profesor—, que os camiños escolares seguros, que a escaseza de alumnos, que os prezos dos libros de texto, que a implantación da Lomloe; sen falar do estrés de docentes, familias, alumnado … en fin: unha manchea de problemas, pero tamén motivo de festa porque, a verdade, resulta unha fortuna incrible termos que afrontar esas dificultades. Benvidas sexan tales preocupacións e ogallá sigamos moitos anos téndoas. De verdade. Porque é que o venres pasado conmemorouse en todo o mundo o Día Internacional para protexer á Educación de Ataques; e non resulta algo abstracto, teórico, ou unha medida preventiva. Non, os ataques a colexios son algo ordinario. A realidade da guerra, como en tantos outros aspectos, é inhumana e incomprensible. E moito máis cando as permanentes e continuos arrasos de colexios resultan práctica habitual nos conflitos armados. Non son devastacións puntuais ou que ocorran nun só escenario bélico, senón comúns na totalidade das guerras, nas que se bombardean e incendian escolas e universidades metodicamente; e nenos, estudantes, profesores e investigadores son vítimas de todo tipo de crimes. Hai veces que nas instalacións educativas camúflanse bases, cuarteis ou centros de detención expulsando aos estudantes, e outras nas que esas institucións convértense en blancos militares, de xeito que as escolas quedan expostas a danos, que sempre terán a escusa de que o erro na súa destrución se debeu a un, a veces falso, «É que pensamos que había soldados dentro».
Pero a realidade está, aparte das vidas destruídas, en que se busca denegar a gran número de nenos o seu dereito á educación, estratexicamente, para privar ás comunidades inimigas das bases do seu futuro. Na Guerra Civil española un dos corpos máis perseguidos foi, precisamente, e por esas razóns, o dos mestres. No caso actual de Ucraína, retransmítennos case en directo bombardeos de escolas. Estes días, cada vez que puiden ver as imaxes de pupitres esnaquizados, paredes decoradas con láminas infantís demolidas, aulas a fumegar e, tamén, nenos metrallados, matinaba nunha especie de desculpa para os atacantes porque me parecía que seguramente obedecería a un erro de cálculo da artillería. Pois parece que non é así, senón que se corresponde cunha táctica coñecida de guerra, cun patrón que se repite acotío en todos os países en conflito armado. Por iso a ONU, sabedora de que as xeracións futuras privadas de educación crecerán sen destrezas, propuxo cada 9 de setembro como Día Internacional para protexer á Educación de ataques para visibilizar esta situación, sen esquecer que, como sentou Graça Machel —primeira muller ministra en Mozambique e despois casada con Nelson Mandela— cando exerceu como Presidenta da Comisión de Estudos das Nacións Unidas sobre o Impacto dos Conflitos Armados na Infancia, hai seis violacións graves que afectan aos nenos en tempos de guerra: o recrutamento, o asasinato e a mutilación, a violencia sexual, o secuestro, a denegación de acceso humanitario, e os ataques a escolas. Estamos nos días de volta ao cole enfrontándonos a problemas que nos parecen importantes. E son importantes, aínda que en realidade para nós tamén sexa un momento feliz, coa consolidación do dereito-deber da educación, cos nosos nenos moi ledos, os mestres preocupados por teren todo a punto e librarías e comercios encantados co gasto. Está moi ben. Pero sobre todo, temos a seguridade de que, hoxe por hoxe, ningún dos nosos rapaces topará a súa aula desfeita por unha bomba, nin a ningún mestre asasinado na entrada. Hai meniños, iguais que os nosos, que verán iso se poden volver ao cole.