Grovemakers subliña o feminismo no audiovisual con Mulleres Creativas

leticia castro O GROVE / LA VOZ

O GROVE

cedida

O colectivo trae a O Grove os filmes «Nación» e «A poeta analfabeta»

08 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación Grovemakers volve de novo á carga para poñer o acento na creatividade. E faino organizando unha nova edición de Mulleres Creativas, unhas xornadas que arrancaban no ano 2019 amosando o talento de artesás e deseñadoras. Porque o colectivo grovense fai algo máis que deseñar, producir e vender. E dende logo, fóra da súa vertente comercial, o seu papel está estreitamente vinculado á cultura. Quizais por este motivo Mulleres Creativas está pensado para ser un evento destinado a medrar ano tras ano. E neste 2022 ven pisando forte, cunha programación dedicada en exclusiva ao mundo audiovisual, e ao papel das mulleres dentro do sector, que terá lugar os días 18 e 19 de xuño no recentemente estreado auditorio de O Grove.

«Visibilizar o talento»

O obxectivo, tal e como explican dende Grovemakers, non é outro que «visibilizar o talento e o traballo creativo da muller, e dar a coñecer como acadaron as súas metas profesionais, inspirando ás xeracións vindeiras». Por iso, a escolla de contidos non pode ser máis axeitada. Guiadas pola comunicadora e xornalista Laura López, Mulleres Creativas traerá ata O Grove a proxección do filme Nación, de Margarita Ledo, o sábado 18 de xuño ás once menos cuarto da mañá. Unha obra documental que amosa os despedimentos e a loita aínda por resolver das traballadoras dunha fábrica galega de louza. Trátase dunha enérxica denuncia contra o proceso de reconversión industrial en Galicia, envolta nun discurso profundamente feminista. Unha peza que foi candidata aos premios Goya 2022 e que reclama a memoria das operarias do téxtil, a louza e a conserva.

ALBERTO LÓPEZ

Cun fío argumental en común, a loita das mulleres, Grovemakers achega tamén a estas xornadas o documental A poeta analfabeta, da directora e actriz Sonia Méndez, unha obra sobre a figura da poeta, activista e feminista Luz Fandiño, cuxa proxección terá lugar ese mesmo día ás 18 horas. A xuntanza destas dúas directoras, xunto coa grovense Dunia Álvarez, vai propiciar un interesante debate arredor do papel feminino no sector audiovisual nesa mesma xornada. Será xa o domingo cando todos aqueles que non puideron ver A Meca dos Cines, a obra audiovisual de Dunia Álvarez poidan facelo.

Algo máis que videocreación

Pero os Grovemakers queren ir máis alá, porque Mulleres Creativas aposta tamén pola divulgación de novas canles de entretemento que están mudando o xeito de comunicarse das novas xeracións. É por iso que o acto contará cun podcast a cargo do grupo Café Derby 21, que terá como convidadas a Patri e Veva, as colareiras máis famosas de TikTok. O programa continuará coa intervención da artista visual e creadora de contidos dixitais Marta Verde, afincada en Valencia, experta en traducir o audio en imaxes e cuxo traballo se basea en realizar instalacións multimedia. A artista colabora en proxectos de multitude de músicos, así que a súa presenza antóllase interesante.

Ao igual que a da compositora e cantante meca Carolina Rubirosa, que aproveitará o seu tempo para falar de como é a súa intervención na parte audiovisual do seu traballo, os videoclips. O evento, que conta coa colaboración estreita do Concello do Grove, é unha boa oportunidade de gozar de contidos que están fora do circuíto comercial, unha boa razón para acudir.