Do eterno retorno

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

O GROVE

Martina Miser

Na miña infancia non se xeraban residuos; non existía recollida de lixo, porque non se producía. Sen que o souberamos, viviamos no paraíso da economía circular

09 may 2022 . Actualizado a las 20:59 h.

Como saben nacín nunha aldea —daquela, cando os cans comían só ósos e sobras— bastante illada e con dedicación fundamentalmente agraria. Os anos que van correndo permítenme ver os cambios producidos. Pola idade podo comentar un feixe, pero quero sinalar que na miña infancia non se xeraban residuos; non existía recollida de lixo, porque non se producía. Sen que o souberamos, viviamos no paraíso da economía circular: todo se reutilizaba e volvía ter utilidade; por suposto, grazas en moito a que non nos invadira a peste dos envases. A compra era a granel e cadaquén dispuña dos recipientes axeitados —a ninguén se lle ocorrera aínda embotellar auga e estaban en uso as fermosísimas sellas ou baldes para acudir a fontes límpidas, hoxe cos mananciais atuídos— e íase a tendas e ultramarinos coa bulsa, botellas ou damaxuana precisas; e os recipientes de vidro —cervexa, gasosa, sifón— devolvíanse para seren outra volta embotellados. Probablemente non estaría de máis regresar a aquelas prácticas, porque eran todo o contrario do estrago actual, desde que os envases se multiplicaron ata o infinito. Hoxe, ás veces é alucinante, cómpranse produtos empaquetados xa non nun envoltorio, senón en múltiples embalaxes. Habería que calcular o sobrecuste deses sucesivos envoltorios de envoltorios así como o gasto posterior de recollelos e eliminalos ou volvelos ao mercado, porque teño a seguridade que superará o prezo do que empaquetan. Na actualidade a ONU, a Unión Europea, cada Estado, cada autonomía, cada concello teñen en marcha múltiples programas dirixidos a fomentar a economía circular e ata parece que se está a descubrir —un pouco ridiculamente— a conveniencia de facer “compost” cos residuos orgánicos e vexetais. Daquela, a verdade, non se lle chamaba así: podería ser esterco, ou mesmo comida para os animais domésticos. Agora invístense incontables recursos en, disque, protexer o medio ambiente co que se ansía facernos regresar á Natureza da miña infancia, que fomos cambiando co crecemento económico incesante nos últimos cincuenta anos. Para iso existen multiplicidade de proxectos, normas xurídicas, investimentos, pero sempre sen deter ese sagrado crecemento económico. E é posible que crecemento económico e protección da Natureza non sexan facilmente compatibles: ou unha cousa ou outra. A modo de exemplo, gobernos e cidadáns parecen estar de acordo en sinalar que as tecnoloxías dixitais, os vehículos eléctricos ou as enerxías solar e eólica protexen o medio ambiente. Dísenos cada día. Pero non convén esquecer de onde se obteñen os recursos económicos para todo iso, nin que os beneficios retornarán incesantemente ao gran capital, que nace e se reproduce, incansable, con custes ambientais. Simplemente uns datos: as tecnoloxías dixitais consumen o 10 % da electricidade producida a nivel mundial e os seus refugallos, maioritariamente non reciclables, acaban en vertedoiros do terceiro mundo.

Agora mesmo métennos polos ollos aos coches eléctricos, adornados de publicidade ecolóxica, sen falar de que o prezo non está ao alcance de todos ou de que as baterías volverán provocar un problema de residuos maior que o dos demais restos do automóbil. Os muíños de vento para enerxía eólica ocasionan un impacto fortísimo na paisaxe e na fauna e non se menciona o consumo enerxético da súa fabricación. E coas placas solares outro tanto: que se vai facer con elas cando se retiren?. Ademais, as chamadas enerxías limpas conseguen o impensable: despois de privatizaren a auga dos encoros, tamén se fan propiedade do gran capital o vento e o sol. Non digo que os días da miña infancia deban volver; pero se cadra, desde un punto de vista medioambiental, tiñamos que facer actual o xeito de vivir daquelas aldeas, tempos nos que auga, vento e sol eran bens comúns. Os mozos seguro que non saben isto.