Isabel Rodríguez, propietaria do Hotel Spa Atlántico e nai de Javier Olleros: «A Javi, ben o ves, pero o meu outro fillo tamén é unha xoia»

O GROVE

Martina Miser

O valor desta muller está lonxe de ser só nai. É unha emprendedora nata, cunha intuición natural para os negocios e que sabe moi ben o significado da palabra sacrificio. 

04 may 2022 . Actualizado a las 10:34 h.

Isabel Rodríguez (O Grove, 1951), a nai do cociñeiro Javier Olleros, recíbenos no Hotel Spa Atlántico, en San Vicente. O que foi e segue a ser o negocio da súa vida. Simpática, natural, sofisticada, pero á vez, co corazón ancorado á nosa lingua, á súa terra e ao significado da palabra sacrificio. Porque a familia Olleros sabe moito do traballo incansable que hai detrás do éxito. E o que hoxe é candidato a ser un dos mellores cociñeiros do mundo (está nomeado ao The Best Chefs Awards) vén dunha saga dedicada en corpo e alma á hostalería. Pepiño, como lle chama Isabel ao seu home, foi quen espertou a paixón pola cociña no seu fillo Javier. Pero dela, el aprendeu o trato co cliente, a xestionar un negocio familiar e a visión empresarial. 

—Foi emigrante en Suíza...

—Si, aos 19 anos marchei para Suíza. Eu quería prosperar, gañar un pouco máis.

—De que traballaba alí?

—Na hostalaría. Eu na miña vida vira un hotel. E o máis lonxe que fora era ao médico a Pontevedra. E este era un hotel moi bo. Un día a directora díxome: «Que che presten un mandil, unha blusa branca, e a servir». «Non sei», díxenlle. Alí faciámolo á inglesa. Tiñas que servir coas pinzas. Unha vez estaba ofrecendo unha chuleta e eu vía que ía ir para o chan, cravei o garfo e púxena no prato.

—E os idiomas?

—Non falaba alemán e apenas italiano, aínda que o italiano déuseme ben. Había unha actriz maior que me falaba moito. E eu sorría e dicíalle: «Ja, ja, ja». Vese que un día lle tiña que contestar a algo. E ela insistía ata que lle dixen: «Ich verstehe nicht» (non entendo). E dime ela: «Como non entendes? Levo 15 días falando contigo e agora disme que non falas alemán!» [ri].

—E como coñeceu a Pepe?

—No mesmo hotel. Cando cheguei veu un chofer buscarme á estación e díxolle a Pepe: «Trouxen unha rapaza moi guapa». E di el: «Esta non se me escapa a min».

—É que aos de Ourense sempre lles gustou o mar.

—Si [ri]. Ao ano xa estabamos casados e os dous fillos, Jorge e Javier, naceron alí.

—E por que volveron?

—Eu non quería quedar sen probar aquí. Quen me dicía que non podía vivir en España como alí?

—E xa montaron o hotel?

—Non. Fixeramos unha casa aquí, que tiña un baixo. E montamos un supermercado. Foi o primeiro autoservizo que houbo no Grove. Chamábase Olleros. Eu son Isabel, a de Olleros.

—E como xurdiu o hotel?

—Nós compraramos unha finca aquí, en San Vicente. Eran 2.000 metros, agora temos 10.000. Empezábanse a montar as grandes superficies de supermercados no Grove. E Pepe quería algo onde puidese traballar do que sabía, a cociña. E dixemos: «Pois facemos un hotel». Chamáronnos tolos. Onde vai enterrar os cartos esta xentiña! Empezamos con 18 habitacións, ao ano seguinte fixemos 24, ata as 50 que son agora. Era un hoteliño de tres estrelas, moi sinxelo. Para suplir as carencias, tiña plantas. E tiña que tender a roupa no monte. Facía de porteira de noite, de camareira, de recepcionista... Sen saber! Ás veces contaba polos dedos, pero ninguén se me escapou sen pagar [ri]. E empecei a tratar coas axencias, a facer os contratos... Todo iso levábao eu. E Pepe, a parte toda da cociña. Durante sete anos aínda mantivemos o hotel e o supermercado. Pepe repartía a carne aos restaurantes e viña facer de comer aos clientes. Traballamos moitísimo. Pero tivemos moita sorte. Foi abrir e enchemos.

—Como era Javier de pequeno?

—Un traste tremendo. Estivemos moi enriba del. Era inquieto. O irmán, todo o contrario. Recordo unha vez que fomos a Santiago cando estudaba hostalaría e non estaba na escola. Non ía a clase e suspendía. Chamámolo ao piso e estaba en pixama. O pai díxolle: «Veña, para a casa». Trouxémolo no medio do curso. E púxose co pai a montar o xardín que ves aí. Pepe díxolle: «Vas ir examinarte. Se aprobas, pode que volvas. Se non, acabouse. Poste a traballar». Acórdome que chamou desde aquí para saber se aprobara e dixéronlle que si. E di Javier: «Ai, salvoume a vida» [ri].

—Como recibiu a segunda estrela que lle deron?

—Para min é un orgullo grande, e para o seu pai. Pero a segunda estrela non creas que me gustaba. Por un lado si, porque fai historia en Galicia, pero por outro é moito estrés. Tamén quero que o meu fillo non sinta tanta presión. Ás veces dígolle: «Saca o pé do acelerador».

—E agora é candidato a ser un dos mellores cociñeiros do mundo...

—Volvo dicirche o mesmo, pero os que teñen que valorar o traballo do meu fillo son os clientes. Aínda que unha cousa vai a par coa outra. Tiven unha inmensa sorte cos fillos que teño. Javi, ben o ves, pero Jorge, que leva 20 anos comigo no hotel, é tamén unha xoia. As catro estrelas deste hotel son mérito del. Cos fillos que teño e co que conseguín na vida eu estou satisfeita. Que máis podo pedir?