O Foroacui volve en outubro a O Grove, cun aforo limitado a 60 participantes

La Voz O GROVE / LA VOZ

O GROVE

MARTINA MISER

Este punto de encontro para a análise de todo o que acontece no sector do marisqueo e a acuicultura desenvolverase no auditorio do Biomarine Center de Nueva Pescanova

25 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os días 7 e 8 de outubro celebrarase no Grove unha nova edición do Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas (Foroacui) no auditorio do Pescanova Biomarine Center, o novo centro de I+D+i en acuicultura que a empresa Nueva Pescanova ten en O Grove. O Foroacui é un encontro para a divulgación e debate das novas iniciativas que se veñen desenvolvendo na pesca, marisqueo e acuicultura. Ata a suspensión do ano pasado por causa do Covid, o Foroacui reunía a máis de 200 participantes entre estudantes, investigadores, empresarios e técnicos das Administracións Públicas. Nesta edición debido ás restricións e precaucións anticovid, o aforo quedará limitado a 60 participantes, seleccionados por orde de matriculación.

Para atender igualmente toda a demanda e facilitar a asistencia ao Foroacui, a organización ofrece por primeira vez a posibilidade de asistir ás diferentes conferencias vía online. A matrícula en calquera das súas modalidades pode facerse a través da páxina web do Foroacui.

Durante a primeira xornada, o programa estará dividido en catro mesas de traballo que se centrarán en Marisqueo e Pesca de Baixura, a acuicultura, a empresa e os recursos, e unha especial dedicada ás actividades de ANFACO.