Dunha visión global da Lanzada

X.A. Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

O GROVE

emilio moldes

Os achados arqueolóxicos deixaron ao descuberto a extraordinaria riqueza histórica deste entorno

30 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Levo unha serie de artigos sobre o santuario da Lanzada e a súa relación co Grove ata o século XIX, aproveitando documentos que, ata agora, non viran a luz. Debín tela empezado cunha visión global do que se sabe sobre a extraordinaria importancia histórica do conxunto formado polos restos arqueolóxicos, descubertos e por descubrir, a derrubada fortificación e a ermida. Para suplir esa eiva, nas seguintes liñas van uns apuntamentos que abarcan toda a historia da Lanzada. Polo descuberto nas escavacións —importantísimas as da Deputación Provincial— acredítase ocupación humana con instalacións para tratamento de peixe, vivendas, necrópole ou edificios relixiosos, con achados numismáticos, de cerámica procedente de diversos lugares, incluso África, que sitúan o conxunto entre os séculos III-IV a. C. e o V d.C. Existen indicios de que este santuario cristianizou un centro relixioso pagán, posiblemente dedicado a unha deusa mariña da fecundidade, con rituais de fertilidade, que perduran. Falta por localizar o mosteiro, cenobio, de Santa María Lanceata, que ten que estar por alí. A fortaleza, da que só queda a torre, foi construída no século X como parte do sistema defensivo de Santiago, con San Sadurniño, Cálago ou Torres de Oeste, cando aínda existía unha canle de navegación que cruzaba o actual istmo de O Vao. Esta fortificación, asaltada polos árabes xunto coa de Ponte Sampaio, tiña unha muralla perimetral de pedra e argamasa, con torres nas catro esquinas que servían de almenaras, —con edificación interior cuberta, de dous ou tres pisos, sobre a que se podía camiñar- e quedaba unida a terra por ponte levadiza. No século XII, a raíña Urraca arrincoulla ao irmán do arcebispo Xelmírez, a quen pronto lla devolveu. No XIII, cando se construíu a actual ermida, foi nomeada nas guerras entre Sancho IV e Afonso X. Constituíu un centro de poder ata a Gran Guerra Irmandiña entre 1467 e 1469. Os irmandiños tomaron esta fortaleza e iniciaron o seu derrubamento, pero, derrotados polos nobles, os últimos trinta refuxiáronse nela no 1469, levantando unha estacada e un muro de rebos. Os soldados de Pedro Madruga acudiron a expulsalos pero foron rexeitados e perseguidos ata Cambados polos da Santa Irmandade, que capturaron a dous escudeiros e foron axustizalos a Pontevedra. Pedro Madruga non podía deixar pasar tal aldraxe e dirixiuse co seu exército á Lanzada, onde só quedaban oito homes capitaneados por Juan García da Barca, que resistiron o ataque, ata que un deles os traizoou: Pedro Madruga aforcou a dous e alanceou aos demais alí mesmo. O arcebispo Xelmírez, para que a Lanzada non lle causase máis problemas, mandou derruír o que quedara en pé. No século XVIII, o Padre Sarmiento soubo do descubrimento de sepulturas, estivo alí e deixou repetidamente escrito que eran vestixios da cidade asolagada de Lambriaca e que a torre arruinada era a dun faro fenicio. Na documentación da Guerra Irmandiña consta que este illote da Lanzada pertencía ao Grove, onde seguiu ata o século XIX. Nos anos 40 do século XX, coa construción da estrada O Grove-Portonovo levantáronse sepulcros e ao erguer algunha das casas da beira da estrada, apareceron restos arqueolóxicos. Nas sucesivas campañas de escavación traballaron nomes tan ilustres como Filgueira Valverde, Sánchez Cantón, Blanco Freijeiro, García Alén ou Fariña Busto, así como o actual equipo da Deputación de Pontevedra. E remato: a aliñación da capela, de Este a Oeste —«Miña Virxe da Lanzada / miña Virxe lanzadeira / éntrache o sol pola porta / e sáeche pola vidreira»— enfoca, no solsticio de verán, xusto a punta de San Vicente, onde o complexo Castriños-Adro Vello, segue a esperar pola súa recuperación.