Fontoira desenvolveuse sobre o estilo de foliar as embarcacións típico nos peiraos mecos

serxio gonzález

O xermolo do futuro medra sobre as raíces da tradición. Quen visite o restaurante Nado, que Iván Domínguez rexenta na Coruña, cunha versión aquelada tamén en Madrid, comprobará que algo tan ancestral coma os signos cos que os mariñeiros das Rías Baixas e o norte de Portugal identificaban os seus aparellos é quen de alimentar unha rica simboloxía para vestir a identidade dunha cociña atlántica de altura e enorme proxección. Este mesmo principio move Fontoira, a tipografía propia que Rubén Prol e Lino Prieto veñen de desenvolver no Grove sobre a base do estilo tradicional co que se escribían os números e letras dos folios nas embarcacións mecas. O froito do seu traballo xunto ao mariñeiro Raúl Fontoira, apelido que lle dá nome ao proxecto, é unha colección gráfica elegante e característica, que os seus creadores poñen a disposición de quen queira empregala, nomeadamente no eido dixital, pero tamén en calquera outra encomenda. Abonda con descargala na páxina web fontoira.gal.

«Os folios correspóndense co que en terra son as matrículas dos vehículos. As principais características do estilo tradicional que se empregaba en moitas das embarcacións dos portos do Grove e Meloxo son o coidado das formas, os detalles nos remates das letras e os desenvolvementos das particulares ligaduras», explican os impulsores deste meritorio traballo. Rubén Prol é maquetador e deseñador gráfico de tipografía. Lino Prieto, informático e deseñador gráfico. Hai un par de anos, botaron a andar o proxecto. Estudaron material fotográfico e fixeron traballo de campo ata dar con Raúl Fontoira, «un mariñeiro do Porto de Meloxo que desde moi novo é afeccionado á rotulación, e que ao longo dos anos foi responsable de rotular cos seus pinceis as amuras de numerosas embarcacións». O seu xeito de manexar cifras e letras deu nun verdadeiro estilo moi particular e ben fermoso, subliñan os creadores da tipografía, así que nada máis xusto e acaído que poñerlle o seu nome, Fontoira, «como recoñecemento á súa arte».

¿Que é o que procura o nacemento de Fontoira? A explicación é tan sinxela coma emocionante polo seu compromiso: «Contribuír á conservación deste sinal de identidade da cultura mariñeira do Grove, ofrecendo a posibilidade de aplicar este estilo aos medios dixitais actuais». O Grove xa ten unha letra de seu coa que irromper no océano virtual.

FONTOIRA

  • Uso gratuíto e achega xusta. A tipografía Fontoira pode descargarse libre e gratuitamente na web fontoira.gal, que amplía información sobre o seu proceso de creación. Para un uso comercial, os seus creadores piden que se aporte unha cantidade xusta.