EU denuncia abandono no que se atopa a estación de buses do Grove

La Voz O GROVE / LA VOZ

O GROVE

Martina Miser

Piden ao Concello que se sume as queixas que xa foron plantexadas na Xunta

11 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os concelleiros de Esquerda Unida denunciaron ante á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade o estado de abandono no que se atopa a estación de autobuses do Grove. Os esquerdistas tamén se dirixiron ao goberno municipal para solicitarlle «que tamén actúe e faga o propio para esixir solucións ao lamentable estado no que se atopan as instalacións», ubicadas na zona do Corgo.

Dende a formación consideran que «esta non pode ser a primeira imaxe que se atopen as persoas que chegan ao Grove» utilizando o transporte público por estrada, pero tampouco «a que se atope a veciñanza cando quere usar este servizo público», argumentan.

A lista de problemas que se presentan na estación de autobuses é longa, din os esquerdistas. «Papeleiras cheas e sen recoller dende hai tempo, lixo por todas as esquinas, sucidade, mobiliario esnaquizado...». Estes son, continúa a formación esquerdista, «algúns exemplos da imaxe que se atopa calquera persoa que se acerque ás instalacións públicas situadas na zona portuaria».

Obviamente, ese escenario non é o máis adecuado para dar a benvida aos visitantes. «Esta non é a imaxe que as persoas que visiten un concello turístico como O Grove se pode atopar nada máis poñer o pé en terra meca», insisten desde a formación. É por iso que, despois de denunciar a situación ante a Xunta de Galicia, titular das instalacións e polo tanto responsable da xestión e mantemento das mesmas, se teñen dirixido ao goberno local para que dea un paso adiante e esixa ao departamento autonómico que «poñan fin a esta lamentable situación». Ao fin e ao cabo, o verán está por chegar, e O Grove quere ofrecer para entón a súa mellor cara, especialmente nun ano tan duro como ten sido este para o colectivo da hostalaría e, en xeral, para os negocios turísticos.