Argumentos para o «Auditorio Xoán González Millán»

antón mascato MEMBRO DA COMISIÓN DE HOMENAXE A XOÁN GONZÁLEZ MILLÁN

O GROVE

VITOR MEJUTO

Mascato, membro da Comisión de Homenaxe a Xoán Francisco González Millán, reclama que as novas instalacións culturais da vila leven o nome do intelectual meco

11 may 2021 . Actualizado a las 22:53 h.

Xoán Francisco González Millán (O Grove, 1951-Nova Iork, 2002) é sen dúbida a mais relevante figura intelectual de cantas naceron na Península do Grove. É a súa unha traxectoria exemplar de superación persoal por acadar os seus soños. Nada estaba ao seu favor para rematar a súa curta vida como catedrático de Literatura na Universidade de Nova Iork. Fillo de traballadores, Carme, a nai, empregada do pequeno comercio; Lito, o pai, pintor na construción. A súa impresionante carreira profesional é o resultado dunha anomalía que só se explica co seu esforzo titánico e unha intelixencia extraordinaria.

Haberá quen pense que este fillo do Grove tivo nos Estados Unidos ese american dream do que tanto se fala, pero non é o caso. Xoán fixo o bacharelato con becas, sendo Premio extraordinario do Estado español, e financiando os seus estudos traballando como «botones» no Gran Hotel da Toxa en períodos vacacionais.

Fixo toda a carreira universitaria como bolseiro, licenciándose en Filosofía e Letras en Santiago de Compostela e Comillas, obtendo ano tras ano as máximas cualificacións, o que significa que xa estaba moi ben formado cando procurou traballo nese país onde xa residían seu irmán José Lito, e Esperanza Caneda, a súa compañeira de vida, falecida canda el nun tráxico accidente.

En 1976, con vintecinco anos, mudou a residencia aos USA, onde arranxou o seu primeiro emprego como bibliotecario na ONU. E decidiu procurar o seu soño que era de galego consciente, non americano, e continuou formándose: no Graduate Center da City University of New York (CUNY) onde fai os estudos de mestrado. Doutor en Literaturas Hispánicas cunha tese sobre Álvaro Cunqueiro. Profesor Linguas Románicas, e logo catedrático de Literatura Hispánica. Fundador da Asociación Internacional de Estudos Galegos, que logo presidirá. Responsable da Cátedra de Estudos Galegos do Graduate Center da City University of NY. Director do Anuario de Estudios Literarios Galegos. Trece libros publicados e ducias de artigos, conferencias e tribunais de oposicións por medio mundo.

Pero antes de marchar, deixou a súa pegada entre nós, promovendo no Grove a Asociación Cultural responsable, entre outras moitas actividades, de que as comparsas do entroido subisen cada ano ao escenario do cine O Marino. Nunca deixou atrás a súa vila de nacemento, na que mantivo casa, e á que volvía cada ano renovando a grovensanía que o caracterizou. Por todo iso a Comisión de Homenaxe promove que a nova instalación cultural do Monte da Vila leve o nome de «Auditorio Xoán González Millán».