Do xubileu de Santa María da Area da Lanzada

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

O GROVE

CAPOTILLO

14 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A querela contra o cura de Noalla foi presentada polo párroco grovense, Pantaleón Benavides y Sotomayor -que trouxo para O Grove un irmán que dou a saga dos Benavides-, o alcalde Antonio de Sanromán, os rexedores Domingo de Cambados e Marcos Pérez e o procurador xeral Domingo Daguín. Como valedores en nome desa parroquia figuraban apelidos aínda hoxe comúns no Grove, como Lamelas, García, Búa, Mascato da Ponte, Do Outeiro, Prol, Domínguez do Corgo, Prol de Peralto, Millán, Muñiz, Fontoira, García da Besada, ou Bea. Aparecía San Martiño do Grove unido como poucas veces, encabezado polo cura e as autoridades e referendados pola veciñanza.

A Real Audiencia de Galicia admitiu a querela algo máis dun mes despois dos feitos e mandou recoller información, dando as ordes necesarias para que declarasen testemuñas na vila de Fefiñáns, onde era alcalde maior e xuíz Benito Naseiro Mariño e, ademais, mandando citar ao cura de Noalla na casa de Antonio de Deza Valladares «sita en dicha villa de Fefiñanes en la plaça pública della» para que puidera escoitalos. O primeiro escrito que presentou o cura de Noalla para reafirmarse na súa postura foi moi claro: recoñecía e afirmaba que da ponte para dentro e todo o santuario, muros, castelo, albergues e ponte, pertencían a San Martiño do Grove, pero da ponte para terra era de San Estevo de Noalla e non autorizaba a outro cura a presidir nada. Os do Grove propuxeron dous grupos de testemuñas: artesáns de Santo Tomé do Mar e labradores da parroquia de San Vicente que acudiron solidarios cos veciños de San Martiño. Foron: Santiago Brión, Amaro García, Rodrigo Álvarez, Amaro de Barral, Juan Álvarez, Benito Pérez, Sanjuán García, Gregorio de Soutullo e Juan García. Todos prestaron un mesmo xuramento: por Deus Noso Señor e sobre o sinal da cruz que cada un fixo na súa man dereita. E coincidiron en varios aspectos: que no santuario había unhas chamadas casas de comunidade para albergar aos miles de romeiros, controladas por eremitas mandados polos do Grove; que cobraban foros, poucos, e rendían contas das esmolas dos peregrinos ao cura de san Martiño e á Xunta e rexedores do Grove, que eran os que asumían as obras necesarias na ermida e nos albergues; que Parroquia, Xunta e Rexemento fornecían de cálices, ornatos, misais e campás; que tamén mantiñan amurallado o recinto e dispoñían das chaves; que os veciños de San Martiño construíran a ponte «de sillería ancha que ycieron y fabricaron los ascendientes porque la mar pasava de una a otra parte», así como o muro exterior, «por estar en una punta de mar alta, áspera y causar mucha deboción, mucha birtud y rrecogemiento».

E que en todos os actos solemnes presidía o párroco de San Martiño e ocupaban os lugares preferentes as autoridades do Grove «tienen el mejor y más preminente lugar, asiento y lado en la capilla mayor de dicha hermita y el mejor y más supremo lugar, asiento y lado en la procesión». Os romeiros que ían á Lanzada eran miles e contaron as testemuñas que «un hermitaño de dicho santuario abia ydo a Roma y ganado en dos ocasiones dos Bulas de Su Santidad concediendo Santo Jubileo y otras gracias e yndulgencias para dicho Santuario y sus devotos y que en ellas estaba nominado su sitio por propio del veneficio de San Martín del Grove». Era, pois, un centro de peregrinos importante, ata con xubileu, que non é calquera cousa.