O Club Pádel O Grove acusa o goberno local de discriminar o seu equipo feminino

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

cedida

A entidade di que o Concello lle prohibe montar a súa propia canteira

23 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os clubs do Grove recuperaban esta semana o uso das instalacións deportivas municipais despois de dous meses e medio clausuradas por decisión do goberno local do socialista José Cacabelos. Moitos deses clubs sufriron de inmediato a sincronización da boa nova coas novas restricións á práctica do deporte federado por parte da Xunta, limitando os adestramentos a non máis de catro persoas cando se fagan en grupo. O Club Pádel O Grove Team eludíu esta restrición, por canto o seu deporte non o poden practicar máis de catro persoas á vez, mais síntese agraviado polo goberno local, e en especial polo seu concelleiro de Deportes, aos que acusa de discriminalo de diferentes formas.

A primeira, denuncian nunha nota de prensa destinada a poñer a súa situación en coñecemento dos veciños do Grove, denegándolle o Concello ao seu equipo feminino, formado esta tempada, «as horas de adestramento nas mesmas condicións de pago e de reserva cos equipos masculinos» do club, con tres sesións semanais de hora e media nas instalacións municipais polas que, ao contrario co resto dos clubs locais, deben aboar as mesmas taxas ca calquera usuario non federado.

Desde o Pádel O Grove, fundando en decembro do 2017 e que, di a súa directiva, aglutina o 90 % dos usuarios das pistas mecas, afirman que o edil de Deportes lles dixo que non lles deixará montar unha canteira na instalación «porque o Concello perdería clientes». O club critica que «instalacións públicas se usen como unha entidade privada con ánimo de lucro».