Arousa: O Grove pon en marcha un roteiro autoguiado para percorrer A Toxa
A acción pretende facer da vila unha localidade accesible
o grove / la voz
O Concello do Grove vén de obter unha axuda para a posta en marcha da «Ruta Autoguiada da Illa da Toxa». Este proxecto está integramente subvencionado pola Deputación de Pontevedra, que destina a tal fin un total de 6.751 euros, canalizados a través do programa de subvencións para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico-cultural.
A iniciativa que se desenvolverá no Grove consiste na implantación dunha serie de paneis tecnolóxicos interpretativos con diversos elementos divulgativos que serán accesibles de xeito visual e auditivo. Nos mesmos presentarase un itinerario de interpretación e posta en valor de catro lugares do patrimonio histórico da Illa da Toxa. De xeito concreto, falamos do Gran Hotel Balneario, a antiga fábrica de xabóns, o balneario antigo e a capela de San Caralampio, coñecida como a capela das cunchas.
A finalidade do proxecto, explican desde o Concello do Grove, é contribuír a conseguir un turismo accesible, tendo en conta que este non se ve limitado só polas barreiras arquitectónicas senón tamén polos propios soportes de comunicación e promoción dos destinos.
Esta proposta susténtase na xeralización dos smartphones e as posibilidades tecnolóxicas dos mesmos que permitirá a descarga dos contidos a través de textos, gráficos, fotografías e, por suposto, audios e vídeos.
Dende o punto de vista técnico o novo soporte permitirá ser empregado a través de distintas aplicacións ou sistemas, como códigos QR, NFC, Web, e contará con contidos inicialmente en galego e castelán.
O sistema supón, polo tanto, «unha das melloras que se porán en marcha de cara a adaptación tecnolóxica da oferta turística e cultural da localidade, sendo a axuda da Deputación de Pontevedra crucial para conseguir este obxectivo», segundo sinala o goberno socialista do Grove.
Comentarios