Os mozos grovenses pagan 120 euros ao mes por ir no mesmo autobús que usan gratis en Noalla

Bea Costa
b. costa O GROVE / LA VOZ

O GROVE

MARTINA MISER

O Concello solicita a incorporación deste municipio á área metropolitana de Pontevedra par beneficiarse das bonificacións

14 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello do Grove solicitou por escrito hai tres semanas a incorporación deste municipio á área metropolitana de Pontevedra, onde xa están os concellos de Poio e Sanxenxo e que, precisamente, remata no istmo da Lanzada. Os mozos menores de 21 anos desa área metropolitana dispoñen de transporte gratuíto, mentres que os do Grove teñen que pagar polos seus desprazamentos a Pontevedra unha media de 120 euros ao mes, «cando a só uns quilómetros, na parroquia de Noalla, xa non se pagaría», segundo explican desde o goberno local.

«Este feito resulta incompresible cando a liña de transporte é, precisamente, O Grove?Pontevedra, o que fai pensar que esta decisión non se basea en criterios técnicos ou xeográficos, senón, basicamente políticos. De feito, a conselleira responsable desta área declarou en medios de comunicación que deixar fóra ao Grove tan só respondía a que O Grove ‘non o solicitara'».

Os socialistas negan esta versión e sosteñen que nas diferentes reunións mantidas co xefe de Transportes en Pontevedra e coa empresa encargada de elaborar o Plan de transporte se expuxo, «de forma clara e precisa», que O Grove debería formar parte da Área Metropolitana de Pontevedra, ao tempo que se debería crear unha Área Metropolitana de Vilagarcía.

«Trátase de que a mocidade do Grove teña as mesmas vantaxes que a doutras zonas de Galicia. De feito, isto aplícase, curiosamente, na totalidade provincia de Ourense, polo que non se pode manter esta discriminación», subliña o alcalde José Cacabelos a través dun comunicado. «Para o Concello do Grove resulta preocupante que este tipo de problemas se presenten, precisamente, na consellería que dirixe Ethel Vázquez, a mesma que non busca solucións para o desdobramento da vía rápida ata A Lanzada, que non asume o cambio da tubaxe de augas do Grove ou que provocou o problema actual coa xestión da EDAR. Agora parece sumar outra causa máis contra O Grove».

Carencias en todo O Salnés

No mesmo comunicado faise alusión a que ás eivas do transporte público non son exclusivas do municipio meco, xa que «O Salnés é, sen dúbida, unha das zonas con máis carencia de transporte de Galicia». Esta situación xa dou lugar a queixas por parte dos alcaldes da comarca e a acordos en sede plenaria dos concellos e da Mancomunidade do Salnés instando á Xunta de Galicia a dar unha solución ao problema.