O Concello do Grove sinaliza as zonas peonís e aproba obras para mellorar os camiños rurais

La Voz O GROVE / LA VOZ

O GROVE

cedida

O obxectivo é evitar que os coches circulen polas rúas Jaime Solá e Luis Seoane

31 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Co fin de controlar o uso axeitado das rúas peonís para que os vehículos non fagan uso delas o Concello de O Grove tomou medidas como a de intensificar os controis policiais, con imposición de sancións e apercibimentos. Agora, ademais, estanse sinalizando estes espazos para que a prohibición de circular sexa máis evidente. Este mércores rematouse o pintado do asfalto, rotulado como «zona peonil», no acceso a Luis Seoane e Jaime Solá -precisamente as dúas rúas con maior incidencia- para evitar que se produzan confusións, segundo informa o goberno local.

«Con esta sinalización, clara e visible, lémbrase que o acceso ás rúas peonís con vehículo está limitado aos usuarios de garaxes e residentes, e que se poderán realizar tarefas de carga e descarga no horario permitido e só para vehículos debidamente acreditados. A prioridade é dos peóns e a velocidade dos vehículos non pode superar en ningún caso os 10 quilómetros por hora. Trátase, por tanto, de garantir que as persoas poidan circular de xeito cómodo e seguro e que estes espazos se convertan en zonas comerciais dinámicas e activas, engade o Concello vía comunicado de prensa.

Sendeiros

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou esta semana un proxecto de acondicionamento de sendeiros en distintas zonas do rural. Os camiños serán dotados dunha capa de xabre para garantir o acceso rodado e por máis tempo, «xa que se trata de zonas que se ven moi prexudicadas durante o inverno». A intervención realizarase na zona de Estonllo, en Punta Moreiras, no Monte Central, na Lanzada e na zona das Pipas. A actuación xa foi contratada e conta con todos os permisos para a súa realización e executarase en canto sexa posible, segundo informan fontes municipais.