O estraño regreso á auga: «As dez primeiras padas fun como sen non soubera remar»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

Os canoístas Tono Campos e María Pérez relatan a choque do reencontro coa que era a súa superficie natural antes da corentena. Natalia García: «Necesitarei unha semana para volver encontrarme un pouco solta»

05 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O venres 13 de marzo Tono Campos e María Pérez cargaron as súas canoas ao ombreiro sen imaxinar que acabarían botando tanto de menos a incómoda manobra. 50 días despois os dous padexeiros internacionais arousáns, Deportistas de Alto Nivel, se reencontraron co que é durante boa parte do ano o seu medio natural, a auga, tras entrar en vigor as primeiras medidas de desescalada en materia de práctica deportiva do goberno central desde o estado de alarma iniciado o 14 de marzo. A experiencia deixoulles unha nova nota a pé de páxina no relato destes estraños días que co tempo cada un acabará arquivando nas súas respectivas memorias. A bo seguro, dada a súa experiencia e nivel, moi semellante á que poidan ter anotado desde o domingo a maioría dos padexeiros do país nos seus cadernos de bitácora.

A Tono Campos o regreso á auga deixouno desconcertado. O domingo ás oito da tarde botaba a súa canoa á auga do porto do Grove con intención de retomar a súa vella relación co líquido elemento. «As dez primeiras padas fun como se non soubera remar. Noteime patoso. Pensaba, ‘¿que pasa aquí?’», conta. Unha sensación que colleu por sorpresa o mellor canoísta español de maratón de todos os tempos, con tres decenas de medallas internacionais no fondo e no mediofondo, unha de cada tres bañada en ouro.

Recuperar o tacto

Con toda esta experiencia detrás, Tono Campos non tardou en compensar a reentrada co pé cambiado despois de máis de mes e medio limitado a traballar en dique seco, nun pequeno ximnasio caseiro na súa vivenda no que combinaba remoergómetro, bicicleta estática e core. «O piragüismo é un deporte moi de sensacións na auga, e eu non as tiña. Pero enseguida as recuperei. Aos 5 minutos estaba remando con toda a normalidade». Avanzando ata preto de Dena e de volta, para pechar o primeiro día con 12 quilómetros de navegación. Os mesmos que acumulou onte, con saída ás 7 da mañá. E é que, con todas as competicións internacionais de maratón xa canceladas este ano, o padexeiro do Breogán do Grove adapta máis ca nunca os seus horarios de adestramento aos do seu traballo coma Policía Nacional e aos do traballo da súa muller. O seu reto deportivo agora céntrase en «manter a forma».