A fiestra máis linda das librarías de Galicia ten as vistas ao Grove

O GROVE

Cedida

O Espazo Lector Nobel meco gaña o premio profesional do Concurso de Escaparates da federación galega do gremio

16 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai para tres anos -faráos en marzo- Beatriz Aguín Bastos facía da súa paixón polos libros o motor do que moitos, mesmo compañeiros do gremio, consideran unha loucura. Navegando contra corrente, a piques de atravesar a fronteira das 40 primaveras, decidía montar unha libraría no seu Grove. Nin que dicir ten que a convicción e a enerxía rebordaban en Beatriz, que decidíu poñer en marcha unha franquicia de Espazo Lector Nobel na península meca. E con esa convicción e con esa enerxía, pero tamén coa paixón de quen quere converter o seu negocio nese gran punto de cultura viva que desde sempre foron os negocios da venda de libros, que non de encuadernacións ao peso, Beatriz Aguín apostou por volver a presentarse a finais do inda recente 2019 á segunda edición do Concurso de Escaparates das Librarías de Galicia, organizado pola Federación do ramo. E o luns descubríu que a súa foi a proposta gañadora nun dos dous premios aos que optaron outras quince librarías da comunidade. O de mellor escaparate segundo o criterio dun xurado profesional, que integraron un representante da Dirección Xeral de Comercio e de Consumo, outro da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Servizos de Santiago de Compostela, e un profesional do mundo das artes, que lle deron ao local arousán a maior puntuación segundo criterios técnicos que avaliaron a creatividade, a iluminación e mais a composición do traballo feito.

«Lo hizo mi marido. Es ingeniero industrial. Y manitas. Me ayuda con los escaparates», cóntanos Beatriz. Faino salientando que «lo hizo todo a mano». Durante dúas semanas, dúas horas ao día, construíu a decena de pezas sobre pranchas de poliestireno azuis, que pintaron de branco, e ás que lles pegaron neve artificial para compoñer «una escena navideña, con montañas, niños jugando con un trineo, un muñeco de nieve, la luna llena, y Papá Noel surcando el cielo», explica a propietaria da Libraría Espazo Lector Nobel O Grove. Unha idea que se lle ocorreu ao seu home mirando un escaparate en Nova Iorque nas vacacións da parella o pasado outubro.

Un negocio que vai ben

Beatriz decidíu montar o seu negocio cando os seus fillos «se hicieron más independientes», tras dedicarse en exclusiva á súa educación durante dez anos. E está encantada: «Yo estoy muy contenta. Siempre me habían gustado los libros, y veía que en O Grove faltaba una librería con fondo -a súa manexa unas 5.000 referencias, di-. El negocio va bien. Hay mucho lector en este pueblo. Y al ser un lugar turístico, el verano es muy bueno». Bo é oílo nestes funestos tempos para a lírica.