Breogán do Grove e Verducido gañan o Trofeo Rías Baixas

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

CAPOTILLO

O equipo meco impúxose nas categorías sénior e xuvenil, e quedou a un punto do vencedor das de infantil e cadete

30 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A quinta edición do Trofeo Rías Baixas servíu ao mesmo tempo de peche do 2019 e de primeira competición da pretempada piragüista do 2020. Nas augas do encoro do Pontillón do Castro, en Verducido, foron uns 250 os padexeiros que se reuniron na mañá do sábado para disputar cadansúa probas sobre unha distancia de 3.000 metros. Con dúas clasificacións por clubs.

O Breogán do Grove impúxose na que agrupou os resultados das categorías xuvenil e sénior, ao sumar 186 puntos, co E.P. Ciudad de Pontevedra segundo con 155, e co Kayak Tudense terceiro con 143.

O anfitrión, Piragüismo Verducido, levou a clasificación do Trofeo Rías Baixas Novas Promesas, que contabilizou os resultados das categorías infantil e cadete. Fíxoo por tan só 1 punto de diferenza co Breogán do Grove, 217 fronte a 216, co Piragüismo Poio pechando o podio con 160.

A nivel individual, na categoría sénior Antonio Palmas (P. Vilaboa) e Lara Feijoo (K. Tudense) gañaron as probas do K1, e Noel Domínguez (Breogán do Grove) e Raquel da Costa (P. Rías Baixas-Boiro) as do C1. E en xuvenís, os triunfos foron para os kayakistas Miguel Paz (P. Verducido-Pontillón) e Beatriz Moreira (Douro Canoa), e para os canoístas Diego Domínguez (Breogán) e Antía Otero (E.P. Ciudad de Pontevedra).