A Asociación do Deporte Meco, ao bordo da disolución mentres clubs claman polo abandono do Concello

Polideportivo Anselmo Noya dimitíu da presidencia da entidade o 4 de novembro. As axudas municipais deste ano seguen sen aprobarse


vilagarcía / la voz

O deporte do Grove vive tempos convulsos, con ameaza de temporal. Tempos nos que conflúen o descontento, a lo menos dunha parte dos clubs locais, e a crise interna que sitúa a un paso da disolución a Asociación do Deporte Meco (ADM), a entidade da que estes últimos se dotaran doce anos atrás como vehículo para canalizar as súas reivindicacións e gañar músculo ante as administracións públicas.

Comezando polo máis urxente, os presidentes da S.D. Amanecer, Carlos Muñiz Pérez, do C.B. O Meco, Anselmo Noya Martínez, do Rasoeiro BM, Diego Gondar Otero, do Unión S.D. O Grove, Ramón Míguez Iglesias, e mais do C.M.D.C. Breogán, Félix José Lamas Gondar, manifestaron onte publicamente a súa preocupación ante a situación de asfixia que comezan a experimentar polo retraso inxustificado por parte do goberno local do Grove da resolución da partida anual de axudas directas da administración municipal ás sociedades deportivas da localidade. Unha cuestión capital, por canto se fala dunha cantidade global de 97.000 euros, explicaba onte Félix Lamas.

Sen máis noticia por parte do executivo de José Cacabelos ca un borrador de reparto do mencionado capítulo, os cinco clubs apuntados rexistraron o pasado día 19 un escrito no Concello reclamando unha reunión urxente co goberno local para coñecer o estado do asunto, sen resposta inda. E é que, por non saber, a día de onte os beneficiarios descoñecían mesmo a cantidade oficial que lles corresponderá no reparto, cando, recordan, as bases da convocatoria das subvencións municipais obrigaban a xustificar o diñeiro concedido coas correspondentes facturas non máis tarde do 15 de novembro. Situación que, subliñan no seu escrito, «estálle a supoñer un serio trastorno ás nosas entidades». Os cinco clubs rematan afeando que, medio ano despois da celebración das últimas eleccións locais, non se teña renovado o Consello Local de Deportes.

Lamas advirte que «cada ano estáse a retrasar máis a publicación da resolución do reparto da partida para clubs. O ano pasado publicouse no mes de outubro». Unha mecánica que lles está a impedir ás modestas entidades deportivas locais dispoñer no verán, como si facían ata hai catro ou cinco anos atrás, di, da metade da partida que lles correspondían tirando das condicións das bases da convocatoria. E iso, por non estar o reparto aprobado, cando as bases este ano foron publicadas a comezos da primavera.

Os cinco clubs reivindicativos son os mesmos que acudiron ás dúas recentes reunións da Asociación do Deporte Meco. Reunións que levaron a quen foi o seu presidente durante os últimos catro meses, o mandatario do C.B. O Meco, Anselmo Noya, a presentar a súa «dimisión irrevogable», tras chegar á conclusión de que é preciso convocar canto antes, a poder ser sen agardar ao Nadal, unha nova xuntanza na que «se poña sobre a mesa a disolución da asociación».

Noya conta que a finais de xuño relevou na presidencia da ADM a Juan Ramón Outeda (C.R. Mecos), desde ese mes concelleiro do PSOE na corporación local do Grove. E se o fixo, subliña, foi porque despois de medio ano de inactividade, «necesitábase reactivar a entidade porque o Concello precisaba que contrataramos os monitores para o campamento deportivo de verán que viñamos organizando con el desde hai uns anos». Pero cando tentou aproveitar a reactivación da ADM para facer unha fronte común ante o retraso do goberno local na certificación do reparto das axudas, atopouse que «ás xuntanzas só iamos sempre os mismos cinco clubs». Así que se o resto non reacciona, a súa intención é disolver o ente antes de acabar o ano.

A desaparición da Asociación do Deporte Meco remataría confirmándose como a crónica dunha morte anunciada. Anunciada hai xusto hoxe 12 anos polos seus promotores, Unión Grove, C.R. Mecos, C.B. O Meco, Amegrove, Rasoeiro, Amanecer, Breogán e o Raspas, a ADM naceu no 2007 co obxectivo de «poñer os problemas do deporte local enriba da mesa, tentar buscar solucións en conxunto, e ter máis forza ante as distintas administracións para conseguilas». Sobre este punto de partida, a entidade traballou, sinalaba onte Félix Lamas, en logros como o incremento das axudas locais aos clubs desde os 73.000 aos 97.000 euros actuais, ou a consecución do Novo Monte da Vila. Pero ese «espírito reivindicativo comezou a esmorecer hai 4 ou 5 anos», lamenta Lamas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

A Asociación do Deporte Meco, ao bordo da disolución mentres clubs claman polo abandono do Concello