Conde Corbal, arte entre cunchas de vieira

O GROVE

CARLIÑOS OTERO

O bar Metropol (O Grove) acolle ata a vindeira semana unha mostra da obra do «pintor do mar»

19 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Conde Corbal é un nome necesario en calquera escolma da arte galega. No Grove, vila na que vivíu entre 1965 e 1990, coa súa muller Margarita Escuredo e os seus fillos, moitos coñecíano como Pepe. Carlos, o responsable do bar Metropol, foi unha das persoas que tivo a ocasión de tratalo. E garda aqueles encontros e aquelas conversas na memoria coma se dun pequeno tesouro se tratase. «Tiven a sorte de coñecer a Pepe Conde Corbal e compartir con el momentos entrañables, gardándolle dende entón un gran afecto e admiración», relata. Esa é a razón pola que, dende hai tempo, barruntaba Carlos «a idea de facer unha exposición da súa obra». Ata agora. Aproveitando a pasada festa do Marisco, no Metropol inaugurouse unha exposición con traballos de Conde Corbal. De feito, «o centro da mostra son unha serie de obras encargadas polo concello do Grove para promocinar a festa», nin máis nin menos. A exposición divídese en varios bloques. Na entrada do local «hai un panel onde se amosa o cartel da Festa do Marisco do ano 1984 e o calendario que promocionaría a edición seguinte. Debaixo, as láminas que ilustran un caderno de debuxos, a modo de guía turística». Forman estas un paseo a lápis que nos leva «polo Grove da época… O porto, a lonxa, Meloxo... Rincóns onde se respira tranquilidade... Escenas «de aire fresco, aves, peixes, conserva e artesanía, sol e praia», nas que o mar, o querido mar de Pepe Conde, ten todo o protagonismo.

O segundo bloque da exposición está composta polas obras A dama pulpeira, A abundancia do mar, As dornas de O Grove, entre outras láminas de Xosé Conde Corbal. Para rematar, «fóra do bar, na entrada antiga, pódense ver catro gravados orixinais cedidos xenerosamente por Enrique Conde Escuredo, fillo do autor». Amosando todas estas obras, preténdese que «quededes namorados da obra deste pintor do mar. E vos invitamos a descubrir o magnífico e inmenso universo de Conde Corbal -pintor ao óleo e á goauche, gravador, debuxante- quen gustaba non só de expoñer en museos e galerías, senón tamén en sitios populares, sobre todo, en bares, restaurantes e tabernas, nese seu afán de socializar a arte». De traela a lugares coma o Metropol, bar no que participaba en longas conversas, rodeado de amigos e, agora, de cunchas de vieira.