Fran González pecha a súa segunda etapa á fronte da traiñeira de Mecos

O adestrador grovense colle un descanso tras un ciclo de tres anos do que se enorgullece, coa espiña cravada de quedar sen «play-off» nos despachos


vilagarcía / la voz

«O ano que vén non vou seguir en Mecos. A miña intención é parar». Francisco González Montenegro (O Grove, 9 de xuño de 1972) vén de confirmar o relevo no almirantazgo da Mequiña no 2020. O home que a dirixira entre 1995 e o 2004 na súa etapa de gloria, convertendo a traiñeira arousá nunha das cofundadoras dunha Liga ACT que estreou como subcampioa, pon punto final á súa segunda etapa como adestrador do C.R. Mecos. Faino pola súa forma de entender os ciclos deportivos, pero tamén, explica, por razóns laborais que o levaron a «dicirlles que non a outros clubs que me chamaron».

Tres anos, e tres terceiros postos na clasificación final da LGT-A, xusto ao pé da porta de entrada no play-off de ascenso á Eusko Label Liga, a actual denominación comercial da Liga da Asociación de Clubes de Traineras (ACT). Este é o balance cuantitativo de Fran González no seu novo paso pola dirección da Mequiña, da que se despedía o pasado xoves 29 de agosto cun undécimo posto na regata clasificatoria para a Bandera de La Concha. Unha cita que non fixo máis ca ratificalo na súa convicción de que, este ano si, a tripulación grovense podería ter aspirado a retornar á elite.

 

«Na Concha», lembra Fran González, «quedamos por diante de dous equipos da ACT, Astillero -pechacancelas e xa descendido á ARC ao remate da fase regular da Eusko Label Liga- e San Pedro», este último defendendo esta vindeira fin de semana en Bermeo e en Portugalete a súa praza na Liga-. «Dos equipos que van estar no play-off», en San Sebastián «só estivo por diante de nós Ares», subliña o técnico, que ve neste punto «un bo indicador de poder ter ido ao play-off con aspiracións de ascender».

 

O final de tempada da Mequiña non fais máis que alimentar o enfado de Fran González polo manexo por parte da asemblea de clubs da LGT da rebelión de Ares contra a sanción que lle impuxo o Xuíz Único por unha aliñación indebida, e que rematou privando o Mecos dun dos dous postos de promoción, finalmente terceiro 1 punto por debaixo de Tirán, subcampión da liga autonómica.

Con todo, Fran González amósase «satisfeito» tras conseguir que a súa traiñeira avanzase «case 1 quilómetro/hora máis rápida co ano anterior» e iso, puntualiza, con menos efectivos ca nunca, engadido a última hora un xuvenil e tres rapaces da Guía aos 13 remeiros que completaron o traballo de inverno -comezaran 17-. «Remato estes tres anos co equipo dando o máximo, e por enriba de rivais que debían ter estado por diante de nós», declara coa sensación do deber cumprido Fran González na súa despedida.

Amegrove, pendente do que fagan Ares e Tirán

A día de hoxe a traiñeira de Amegrove é equipo da LGT-B para o 2020. Pero no club mexilloeiro confían en que esta fin de semana Ares ou Tirán eviten o seu descenso dando o salto á Eusko Label Liga no play-off en augas vascas. 

Iván Fandiño, que este ano dirixíu por primeira vez a tripulación do barco rei de Amegrove, comenta que «descender sempre é negativo, pero este ano o obxectivo era iniciar un proxecto novo, con moitos cambios». Desde a media ducia de remeiros novos no equipo, ata «o troco na forma de remar dos que continuaban», sinala Fandiño.

Reme na división autonómica na que reme Amegrove no 2020 «a idea», di o técnico, «é seguir subindo rapaces da canteira o ano que vén», desta volta, catro xuvenís. E de caer á LGT-B, o obxectivo sería «volver á A».

Truco ponlle boa nota á súa primeira campaña en Vilaxoán

«Creo que para nós, a nivel de traballo interno, foi unha tempada boa. Externamente ao mellor non dimos esa imaxe». Deste xeito valora José Ángel Cambados, Truco, a súa primeira tempada como adestrador da traiñeira do C.R. Vilaxoán. Unha campaña na que, certo é, a chegada do estratega daquel Amegrove tricampión da LGT a comezos desta década á embarcación vilagarciá xerara altas expectativas, que a súa incapacidade para entrar na quenda de honra da Liga afogaron pronto. Máis, cando o C.R. Vilaxoán non pasou de dous cuartos postos como mellores actuacións nas once regatas finalmente validadas na clasificación xeral, na que acabou quinto con 79 puntos, 24 menos que Samertolameu, cuarto.

 

Truco puntualiza que, pese ás expectativas, «ao contrario cos catro primeiros barcos da Liga, bastante feitos, nós eramos un equipo novo, e descompensado. Con xente nova, e con xente que levaba moitos anos remando, con vicios que son difíciles de cambiar». Truco seguirá no 2020, e con el, a case totalidade dos remeiros.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Fran González pecha a súa segunda etapa á fronte da traiñeira de Mecos