O ex olímpico Kimbo e Andrea de la Hera, favoritos na Sálvora-O Grove

A segunda travesía a nado da Tiple Corona Illa Atlánticas contará este sábado con 161 participantes


vilagarcía / la voz

A Illa da Toxa coñeceu esta mañá os detalles finais da que será a proba intermedia das tres regatas a nado que compoñen o programa da segunda edición da Triple Corona Illas Atlánticas. Un reto deportivo que desde a súa estrea no 2015, conta coa saída desde unha das diferentes ínsulas do Parque Nacional galego como nexo. A directora da organización, Beatriz Alvariño, debullou os grandes datos da proba que unirá este sábado Sálvora e O Grove diante de, entre outros, o alcalde meco, José Antonio Cacabelos, o secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén María do Campo, o director de zona Arousa-Salnés de Abanca, Víctor Vázquez, ou Eduardo Parada, da Asociación Amigos da Dorna Meca.

En total, serán finalmente 161 os aventureiros que se atrevan a cubrir a fría e hostil distancia de 19 quilómetros entre a praia do Almacén, na illa de Sálvora, e a de Confín, no Grove. Co grupo máis lento partindo ás 8.45 horas, con sucesivos saltos á auga ás 9.05, 9.25, 9.45 e 10.05. Iso, se o tempo o permite. Porque do contrario, a organización ten previsto un percorrido alternativo reducido a 12 quilómetros, coa saída no mesmo punto da chegada.

De seguirse o primeiro plan, os nadadores avanzarán agrupados ata o quilómetro 12, ao norte do illote Areoso, coa chegada dos máis rápidos á meta prevista a iso das 14.30 horas, e un límite de sete horas e media para completar a proba para os máis lentos. Todos deberán pasar polos catro controis de paso e de avituallamento, fixados cada 4 quilómetros, coas embarcacións tradicionais Chasula e Dorna Meca servíndolle de soporte á organización.

 

 

A responsable desta última, Beatriz Alvariño, informa da participación de deportistas de tres continentes e de sete países: Arxentina, México, Venezuela, Australia, Portugal, Italia e España, deste último, con inscritos de 14 comunidades autónomas. O nadador máis novo será Álvaro Ruiz Tabares, de 18 anos, e o maior o vigués Manuel Antonio Rodríguez, de 71.

Juan Carlos Kimbo Vallejo, nadador nos Xogos Olímpicos de Moscú 1980 e de Los Ángeles 1984, parte como o gran favorito ao triunfo, co catalán Sergio Torres, vencedor na proba de 15 quilómetros entre as Illas Cíes e Baiona que o ano pasado abría a segunda Triple Corona Illas Atlánticas, como grande alternativa. A viscaína Andrea de la Hera, gañadora nesta última travesía a nado, e tamén na edición do presente da Batalla de Rande (27 quilómetros) é, sobre o papel, a nadadora a bater na categoría feminina.

 

Desde a organización da Triple Corona Illas Atlánticas salientan o amplio dispositivo de seguridade, tanto por mar como por terra, do que disporá a proba entre Sálvora e O Grove, integrado nas augas da ría de Arousa por 25 embarcacións e por 46 kayakistas e paddle surfistas dentro das máis de 200 persoas que colaboran nunha cita que atravesará unha decena de concellos. Entre as embarcacións que se mobilizarán, tres naves do Servizo de Emerxencias do Grove e unha patrulleira do Servizo de Gardacostas. E entre os kayakistas de apoio, a canaria Cristina Spínola, primeira muller hispana en remar en solitario o Mar de Cortés, no Golfo de California (México), e a primeira española en dar a volta ao mundo en bicicleta sen apoio técnico.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

O ex olímpico Kimbo e Andrea de la Hera, favoritos na Sálvora-O Grove