De excursionistas que matan turistas

O GROVE

MONICA IRAGO

25 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestes días o fenómeno dos visitantes, turistas e excursionistas, está no seu cénit. Sanxenxo e O Grove son, por aquí, os destinos máis buscados. O desenvolvemento urbanístico de Sanxenxo, esaxerado e innecesario para a súa poboación de dereito, segue a crecer coa perspectiva ridícula de converterse en residencial temporal. No Grove, a parroquia de San Vicente acolle á maior parte das segundas vivendas e aos excursionistas diarios, entre os que agora hai que anotar aos autocaravanistas que colonizan os espazos naturais máis necesitados de protección. A edificación turística en San Vicente, ou en Noalla, carece de ordenación e prexudicou gravemente todo o entorno; sen orde nin estética; usurpa as redes de camiños e impón un desorbitado gasto en infraestruturas e servizos.

A Toxa, no Grove e San Vicente do Mar, Pedras Negras e Balea Marítima en San Vicente representan un xeito distinto de ocupación, por disporen de redes propias de saneamento e, en xeral, de servizos. En San Vicente resulta insoportable o nocivo fenómeno do excursionista. Non é o mesmo un turista que un excursionista: este é o que chega e marcha na xornada ou reside na súa autocaravana, pero non traslada riqueza equiparable aos recursos que demanda e emprega. En Sanxenxo abunda o excursionista nocturno, que acode ás zonas de ocio e convérteas nun fervedoiro embarullado de xente ao caer a noite.

O turista é o que traslada a súa residencia e permanece e goza do ocio. A quimera do excursionismo é perniciosa e insoportable en San Vicente. O obxecto de consumo, de balde, deses visitantes son os fermosísimos recursos naturais, con praias, montes e, en xeral, espazos físicos conservados grazas a propietarios e Administracións e os servizos e subministracións públicos. Entre o 15 de xullo e finais de agosto, nas horas de afluencia e saída das praias prodúcense asombrosos atascos que provocan que a maioría dos cidadáns consideren un agravio para O Grove que non se invistan recursos públicos en estradas que alcancen a fluidez na circulación destes excursionistas, sen falar de imporlles taxas ou quendas, na errónea crenza de que o territorio e os servizos públicos aguantan todo. A cuestión que teriamos que propor é a de se non habería que reordenar esta aglomeración inmensa, non aturable por residentes e medio ambiente, que non achega nada á economía local, mentres é usuaria e demandante de servizos e espazos públicos. Esta vagada de excursionistas, invasión desorganizada, estase a converter nun elemento disuasorio para un turismo estruturado, coidadoso e transmisor de riqueza. O seu medre implica diminución e fuxida dos turistas, coma quen escapa da peste. Non debe resultar doado topar solucións, por confluír moi diversas Administracións con competencias e dereitos cidadáns: Costas do Estado; Costas, Turismo, Estradas da Xunta; Deputación e Concello; liberdade de circulación. Pero é vital buscar a ordenación do excursionismo, depredador de recursos públicos e ambientais, porque está a menoscabar o turismo e a vida ordinaria dos veciños.