Lois revalida o título galego de Cross Country Olímpico

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

Cedida

A meca non tivo rival en Ares unha semana despois do seu ouro nacional de relevos

27 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha semana atrás Lara Lois colgábase en terras navarras o ouro na proba de relevos dos Campionatos de España de XCO/XCE/TR por Autonomías coa camisola de Galicia e entre un calor extenuante. O xoves, no Día de Galicia, a biker grovense do Extol-La Gramola Team de Lalín fíxose en Ares co seu segundo título en sete días. Revalidando desta vez o cetro autonómico en BTT Cross Country Olímpico (XCO), a modalidade do ciclismo de montaña incluída no programa dos Xogos Olímpicos.

Coa choiva como protagonista, e coa lama coma inesperada convidada un 25 de xullo, Lara Lois demostrou a súa condición de raíña galega do BTT, impoñéndose con solvencia na carreira feminina. Distanciándose xa na primeira das tres voltas ao circuito de 5 quilómetros no que se disputaba o título autonómico da súa única rival sobre o papel, a Sub-23 Irene Trabazo (XSM), segunda na meta xusto por diante da arxentina Fina Casadey. Lois estivo flanqueada no podio elite feminino por Nuria Senra (Eskornabois) e mais por Diana Blanco (Barbanzabike).