De Alfredo Fernández

O GROVE

MARTINA MISER

14 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que Alfredo Fernández Prieto naceu hai non tantos anos, parece que levara seis ou sete existencias. Hai que renderse ante el: contribuíu a redefinir O Grove, hoxe inconcibible sen a súa pegada. O pai, ourensán, fora alcalde e a nai, da estirpe de Casa Pepe, situara ao restaurante Crisol no máis alto da hostalaría. El, logo do bacharelato, cursou na Universidade Laboral a especialidade de Formación Marítima. Xa no Instituto Oceanográfico Español, converteuse en axudante do director, con quen sacou adiante os primeiros Plans de Ordenación Marisqueira. De volta en Galicia, participou no deseño do Centro de Investigacións Mariñas e como Xefe de Servicio de Información, Divulgación e Publicacións dou á luz a aqueles espectaculares Cadernos Mariñeiros. Naquel ambiente, indagou sobre a cría do rodaballo en catividade e, comprobada a viabilidade, abandonou o cómodo estatus de funcionario para arriscarse cunha empresa privada, nun sector novo, que precisaba infinitas doses de valentía e no que todo estaba sen facer. Con Manuel Domínguez e Serxio Devesa fundou Insuíña para iniciar o cultivo do rodaballo en Galicia: primeiros, pioneiros, arriscados. A repercusión e a brillantez desta iniciativa levounos a crear unha hatchery de rodaballo que hoxe, nas mans de Acuinova, desenvólvese en Mougás como un centro punteiro. De Insuíña tamén xurdiu o Congreso anual de acuicultura, que xa vai polos trinta anos. Pero, ademais, ergueron unha piscifactoría no norte de Chile para o goberno daquel país e noutro lugar tan afastado como Anapa, no Mar Negro, a rente do Cáucaso, outra máis, en tempos de Gorbachov e Yeltsin. Vendida Insuíña, Alfredo seguiu no mar, sempre innovando: armou o Aquavisión, primeiro catamarán de fondos completamente transparentes, xemelgo do Neptuno Sub, hoxe tamén no Grove e tróuxoo para navegar rutas divulgativas e educativas polo mar de Arousa. Co mesmo obxectivo adquiriulle ao Plan Nacional sobre Drogas o cutter danés Nauja, de 1930, tamén para difusión dos valores ambientais, leitmotiv das mil vidas de Alfredo. Doutra volta, a través de Björn Arp, historiador noruegués, coñeceu as peripecias do pailebote galego Nieves, de 1919, a piques de afundir co nome de Nostromo; construído e botado en Broña, Serra de Outes, fixera a ruta do sal entre Torrevieja e Vigo con retorno de arxila e tellas; na súa última etapa, fora iate do derradeiro alcalde franquista de Madrid; reparouno e devolveuno ás augas de Arousa, de novo como Nieves. A vida de paixón de Alfredo ó redor do mar, continuou. Con Juan Búa, Manuel Ochoa e Jacobo Fernández, levantou o Acuario do Grove: innovación, medio mariño, compromiso coa terra. Unha vida asombrosa, irrepetible, vivida dende a sinxeleza e a proximidade e presumindo dun compromiso político inquebrantable: dende 1974 co PSG de Beiras e militante fiel do BNG. Como é imparable agora anda a argallar noutros proxectos innovadores. Un orgullo para Galicia e O Grove. Aínda que el non queira, habería que agradecerllo, entre outras cousas porque nos gabamos do que el fixo.