«Non toleo por un papel protagonista. ?Virgencita, que me quede como estoy?»

CARLOS CRESPO O GROVE / LA VOZ

O GROVE

BASILIO BELLO

O actor galego, gañador dun Goya, actúa hoxe en El Patio (O Grove) como monologuista

13 jun 2019 . Actualizado a las 22:18 h.

Recoñece Luis Zahera que se o traballo de actor xa é adictivo o de monologuista éo nun grao superlativo. O seu personaxe é, entón, el mesmo á procura dese san exercicio que é rir dun mesmo. É por iso que agora que non lle falta traballo segue a percorrer teatros e garitos coas súas contadas. «Creo que xa non o deixarei nunca», di.

-Que ten o monólogo que tanto engancha?

-Dar o paso ao monólogo é moi, moi difícil. Xera pánico. Eu lembro que o día anterior ao meu primeiro monólogo saíume un herpes e tiven pesadelos. É que estás ti só. Pero despois hai algo magnético. Algo moi puro, moi bonito. Eu empecei a facer monólogos como alternativa á crise. Estabamos todos acolloados, non soaba o teléfono... E dez anos despois sigo con isto porque ten algo... Non sei, algo marabilloso. Recoméndollo a todos os actores.

-Non necesariamente un bo actor ten por que ser un bo monologuista? Ou si?

-Ostras! Non sei que dicir. Un monologuista dende logo ten que ser moi completo.

-Advirtes un xeito moi distinto de contar en Galicia respecto ao resto do Estado?

-Non son moi consciente diso pero téñenme dito que si. É certo que os galegos non entramos nesa dinámica clásica dos monólogos dun chiste cada 15 segundos. Non, aquí pódeste poñer a falar minutos e minutos de calquera cousa. O outro día faleilles da steady cam. Mira ti. Parecía que estaba dando unha conferencia. O meu modelo é miña nai no Nadal cando eu era pequeno. Lembro que contaba sempre as mesmas historias e morriamos de risa.

-Canto territorio lle concedes a improvisación?

-Home, pasan cousas ás veces surrealistas, pero sempre marabillosas. Un señor que che fala, alguén que che discute algo... Iso dáche pé a que entren a forman parte do espectáculo e todo crece. Todo gloria bendita.

-Prefires os auditorios e teatros ou os garitos?

-O bar é máis popular. A xente está máis disposta, é máis botada para diante. Tes que estar máis atento. O auditorio ten a vantaxe de que estás nun templo e iso xera outro respecto. Pero eu estou superorgulloso dos bares galegos. Estannos dando de comer.

-Como é a vida despois du n Goya?

-Como dicía Warhol, tes os teus 15 minutos de gloria. Pero o mellor é que coincidiu con que estamos nun momento de efervescencia pura. Están as plataformas, Movistar, Amazon, María santísima... É un botar por fóra de traballo.

-Supoño que soñando con ese merecido papel protagonista que te consagre dunha vez.

-Non, mira, eu... Virgencita que me quede como estoy. Eu xa estou entrando nuns anos. Normalmente os protagonistas son xente nova. Home, se sae un protagonista supoño que sería como antes do primeiro monólogo, sairíame un herpes [ri]. Pero de verdade que estou moi a gusto como secundario, como característico, como capitular... como calquera desas palabras que hai para definir este traballo. Moi a gusto. Estou traballando e é todo unha marabilla, marabilla, marabilla.