A emperatriz do remo español dáse un respiro tras 17 anos de conquistas

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

CEDIDA

Con 28 primaveras, Andrea Oubiña decidíu desembarcar, en principio só por un tempo, para poder descubrir praceres mundanos ata agora prohibidos como viaxar

12 jun 2019 . Actualizado a las 13:00 h.

Andrea Oubiña Rodríguez (O Grove, 10/XI/1990) pechou un 2018 de soño. Reunindo na mesma tempada coa súa vitoria na Bandeira da Concha un póker único, logo de sumar con anterioridade os campionatos de Guipúscoa e de Euskadi, e la Liga Euskotren. Na traíña vasca de San Juan Iberdrola a remeira arousá conquistaba todos e cada un dos cetros aos que aspirou o ano pasado. Dominios que engadíu ás vastas posesións de quen é a deportista española de banco fixo máis laureada da historia, cunha ducia de títulos de campioa de España, 5+1 da Liga Euskotren e 9 da gran regata donostiarra, esa que calquera remeiro ansía xa non gañar, senón simplemente poder contar en primeira persoa. Un patrimonio nobiliario que se manterá sen cambios a lo menos ata o 2020. Porque, por primeira vez en 18 anos, desde que se iniciara no seu deporte nun batel de Amegrove, Andrea Oubiña Rodríguez móvese á marxe do absorbente mundo do remo. Non por unha lesión de alcance. Tampouco porque perdera a ilusión e a paixón por unha parte da súa vida que a leva definindo case desde que ten consciencia de si mesma. Simplemente, tocaba así.

«Levaba 17 anos seguidos remando, desde que comecei. Nunca parara unha tempada completa», conta desde O Grove Oubiña. E a decisión de tomarse un respiro adoptada esta tempada polo groso dunha tripulación que durante os cinco últimos anos impuxera a tiranía de San Juan Iberdrola en España non fixo máis que subliñarlle o camiño por seguir. A grovense, que chegara ao barco no segundo ano do reinado da traíña guipuscoana xa con cinco títulos da Concha e un par de Ligas na bancada de Galicia -a segunda delas, no 2010, cos mesmos 28 puntos ca de Guipúscoa, primeira na orde do rexistro histórico da competición-, recibíu, como cabería agardar, chamadas doutros clubs. «Pero pensando en frío, necesitaba desconectar». Unha decisión que, confesa, non lle resultou fácil.

«No momento no que o equipo decidíu non seguir na Liga -San Juan tivo que tirar este ano de remeiras da canteira que, por normativa, non poden dobrar na mesma fin de semana, polo que sairá na Liga ETE vasco-cántabra-», ese, di Andrea, foi «un momento raro. Pensar nese ano sen remar. Non sabes como vai ser a túa rutina ‘¿Que vas facer sen adestrar?’», preguntouse. «Non sabía como me ía sentir».

Meses despois de comprobalo, o seu balance é concluínte: «Creo que fixen ben. Non me arrepinto. Era o que necesitaba. Máis que fisicamente, psicoloxicamente, tras estar tantos anos arriba; tantos anos de esixencia, de controlar o peso e o rendemento» durante os dez meses de dedicación que lle esixe o remo aos seus especialistas, desde mediados de outono ata as últimas regatas de setembro, cos grises invernos obrigando a un plus de resistencia mental.

A fichaxe no 2015 por San Juan endureceu esa disciplina espartana que todo remeiro de súper elite leva na súa pesada mochila diaria. Por iso, máis aló da descarga de traballo deportivo, Andrea comenta que «despois de estar catro anos fóra do Grove en verán -cada maio mudábase a San Juan para pasar os meses de regatas oficiais- apetecíame estar coa familia e coas amigas. Teño 28 anos, e nunca ata agora disfrutara viaxando en inverno. O remo dache moitas cousas, pero tamén che saca moitas outras. Parar servíume para decatarme de canto deixei de facer», conta, desde que de nena se enrolou nun deporte do que segue namorada. «Era o que necesitaba».

O futuro dirá

«Para volver sempre hai tempo, pero os anos pasan, e non vivimos disto», polo que neste preciso momento a meca só pensa en seguir exprimindo o moito tempo que liberou para seguir gozándoo cos seus, e vendo mundo. «Cambiei bastante o chip. Pensei que ía botar o remo moitísimo de menos, e non», confesa quen tan só leva asistido como espectadora a catro regatas. «Non me sentín rara» desde o outro lado, afirma.

«Só me comprometo con algo para dedicarme ao 100 %». Esta é a filosofía que acompaña desde nena a Andrea Oubiña. Por iso, a día de onte non sabía dicir que fará a vindeira tempada. Claro que a cabeza, e o corazón, dinlle «Non creo que isto sexa un adeus».