Cancelacións de última hora arrefrían a ponte das Letras para o sector hoteleiro

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

MARTINA MISER

Os profesionais atribúen o feito ás previsións de mal tempo

18 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O sector hoteleiro arousán confiaba na ponte das Letras. E, malia que os resultados non se poden calificar como malos, en boa parte dos establecementos da bisbarra aseguran que poderían ter sido mellores. «Las reservas iban muy bien, contábamos con estar casi llenos, pero al final se pararon y hubo cancelaciones por culpa del tiempo», explican desde o Maruxía, no Grove. Nesa mesma vila hai hoteis que afirman estar cheos, pero na maioría dos casos quedaron a medio camiño de poder colgar o cartel de completos. En Vilagarcía, no Praia Compostela, afirman ter unha ocupación que roza o setenta por cento. Non está mal, din os seus responsables: «Es una cosa parecida a otros años». As razóns de que as visitas non teñan sido tantas como algúns contaban son variadas. Hai quen asegura que detrás de todo isto están as previsións do tempo. «Y hoy aquí [en O Grove] hace un sol radiante», lamentábase onte un hostaleiro meco. Hai quen busca as causas no peto dos galegos. «A Semana Santa aínda acaba de ser hai pouco tempo, e a ponte do primeiro de maio», explican dende algúns locais. Outros apuntan, pola contra, a proximidade do verán, que fai que moitas familias estean aforrando para poder saír de vacacións no período estival.

Será entón cando o sector hostaleiro arousán poderá botar contas e sacar conclusións sobre se este ano continúa a tendencia alcista dos últimos exercicios, ou se o turismo se ten estancado. Hai ámbitos nos que está claro que non para de medrar. É o que acontece, por exemplo, tanto no Camiño Portugués a Santiago como na Variante Espiritual.