Jose Cacabelos: «No 2015 O Grove estaba en tensión; nós logramos normalizar a política»

O socialista fala de xerar confianza entre a xente, dun PXOM que pode ir a pleno en agosto e do gran proxecto meco

a. garrido
o grove / la voz

José Cacabelos Rico (O Grove, 1970). Socialista. Entrou en política catro meses antes de se converter en alcalde da súa vila. Logo de dous mandatos alternos -polo medio, o PP regresou ao goberno local- e unha traxectoria sempre ascendente no seu respaldo electoral, podería asinar a primeira maioría absoluta da historia democrática meca. Aínda que el nunca o diría: «A miña tónica é non facer quinielas».

-Con quinielas ou sen elas, no Grove fálase dunha vitoria socialista ampla o 26M.

-A min o que me preocupa é xerar confianza, porque é a base do apoio. Que os teus veciños che ofrezan catro anos para tomar decisións sobre a vila e marcar o seu futuro é unha responsabilidade importante, apaixonante, e é para estar moi agradecido. A partir de aí, gustaríame que entre todos fosemos quen de facer avanzar O Grove e poñelo no futuro. Creo que nestes catro anos nós sentamos as bases.

-A marca do PSOE sube.

-Non nos confundamos con lumes de artificio. Os resultados das xerais foron espectaculares, pero no 2016 aquí a marca de Podemos foi a primeira forza e nós a terceira, por tras do PP. Hai unha cousa moi clara. A política hoxe non ten nada que ver coa de hai poucos anos. O votante xa non é fiel e a xente decide moi ben en función de que as eleccións sexan xerais, autonómicas ou municipais. O balance destes catro anos, máis aló dos feitos, é que creo que fixemos da política municipal no Grove unha cuestión igual a calquera outro ámbito da vida. Normalidade, coherencia, transparencia. No 2015 tiñamos un Grove en tensión, enfadado por decisións políticas. En catro anos fomos quen de mudar iso, de xerar confianza e de demostrarlles os veciños que a política é necesaria. Fixemos máis de corenta charlas, un PXOM que é o que os veciños nos dixeron que querían e, en canto recibamos o último informe, estará listo para levar a pleno en agosto...

-Que pasa con Portos de Galicia?

-Ben, hai algo que quero deixar moi claro. Eu non lle pido a Portos que faga un porto deportivo. O que lle pido é o mesmo que eles nos presentaron no 2011 e foi elixido por unanimidade dos colectivos e as forzas políticas entre tres alternativas: un novo porto pesqueiro detrás da lonxa, con todas as instalacións precisas. E, unha vez construído, converter o actual nun porto deportivo totalmente integrado no pobo. Ese é o gran proxecto.

«O presidente de Portos e o director do Sergas están convidados a un viño, que pago eu»

Cacabelos confesa ser un amante da cociña. O alcalde ve nunha mesa, nun prato e nunha botella de viño o escenario idóneo para desenvolver no que en realidade consiste a política: «Falar, falar e falar; e logo de falar, seguir falando», sostén con énfase.

-Centola ou nécora?

-Centola. As nécoras están ben. Pero a centola... Buff!

-Que receita nos cociñaría?

-Posiblemente uns fideos mariñeiros. Con mexillóns e berberechos, que lle dan moito máis sabor cás ameixas. Igual con algún lagostino tamén.

-Branco ou tinto?

-Tinto.

-Unión Grove ou Amanecer?

-Aí non me decanto. Pero estou encantado de que O Grove sexa unha referencia deportiva.

-Que tal o mundial de chave?

-240 participantes e o concelleiro de Deportes nun equipo. Aí estamos igual que co pádel. El teimou en crear as tres pistas, aínda que o resto non o viamos moi claro. E, carai, que razón tiña.

-Practica vostede algún deporte?

-Xoguei malamente ao fútbol ata os 18 anos e comecei a correr con corenta. Sempre só, a primeira hora da mañá ou a última da tarde.

-Postos a escoller, con quen tomaría vostede un viño, co presidente de Portos de Galicia ou co director do Sergas?

-Con calquera deles, mesmo cos dous. Non teño problema ningún en convidar os dous a compartir unha botella de viño, que por suposto pagaría eu. Non me queixo de que non fagan nada, que tamén, senón de que nin sequera nos dan opción de dialogar. Pero non teño ningún problema con eles, só quero que comprendan que O Grove merece outra política e outra atención. Así que aproveito para convidalos a comer. E ao conselleiro tamén!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Jose Cacabelos: «No 2015 O Grove estaba en tensión; nós logramos normalizar a política»