«Temos un proxecto para abrir O Grove ao mar»

A renovación do Partido Popular logo da longa etapa de Miguel Ángel Pérez na vila meca ten nome de muller


o grove / la voz

Beatriz Castro é a única muller que compite pola alcaldía do Grove nestas eleccións.

-Imaxine que se converte vostede na alcaldesa do Grove. Que é o primeiro que faría?

-Sen dúbida algunha, poñerme a traballar dende o minuto un, organizando o meu equipo xunto con todos os traballadores do Concello. Establecendo, ademais, unha política de goberno aberto para toda a poboación. E, por suposto, reunirme con todos os colectivos do Grove. E cando digo todos, digo todos, porque entendo que para tomar calquera decisión de relevancia para o futuro do noso pobo temos que ir todos da man, e non se lle pode nin debe dar a as costas, como se ven facendo neste últimos anos, nos que se toman decisións de forma unilateral. Outra acción que considero importante é reactivar todos os consellos locais existentes, e tamén facer partícipes ao resto dos grupos políticos que teñan representación no concello da posta en marcha dos proxectos, que á fin e ao cabo son necesarios para todos.

-Un deses proxectos debería ser o plan urbanístico. Cre vostede que o veremos aprobado?

-Espero e desexo que si, porque hoxe por hoxe o PXOM é indispensable para avanzar no futuro do Grove. Pero non sin antes pasar por unha segunda exposición pública regulamentaria, á que nos comprometemos todos os partidos hai catro anos (incluído quen agora lle dá as costas como o que nos está gobernando, e que se desdí das súas palabras e das súas promesas por interese particular), tratando de dar seguridade xurídica a todos os veciños e veciñas do Grove, contestando todas as alegacións que se fixeron no seu día. As cales, aínda hoxe, non tiveron resposta. Dando, en definitiva, as garantías de que o que se expón é o realmente enviado á Xunta para a súa aprobación definitiva, cousa que agora nos consta que non é así. Isto déixanos a todos en situación de indefensión xurídica e sen posibilidade de facer alegacións de forma regulamentaria.

-Hai toda unha serie de proxectos pendentes de execución que constitúen verdaderas débedas históricas para O Grove. Cal delas cre que debería saldarse ao longo do vindeiro mandato?

-A nosa aposta é dar solución aos problemas de relevancia, como son a tremenda falta de estacionamento e a posta en valor de toda a zona do porto a través dun proxecto de envergadura que presentaremos nos vindeiros días. Un proxecto que pretende abrir O Grove ao mar e que vai ser un revulsivo económico para o noso pobo. Unha idea de futuro, algo que identifique O Grove por riba de todo e que nos distinga significativamente do noso entorno, axudando a posicionar O Grove coma un referente no mundo do mar e do turismo. Un proxecto que vai favorecer a todos os nosos mariñeiros, e que vai ter unha incidencia moi positiva no desenvolvemento do noso mercado, da praza de abastos, e da náutica de recreo e os deportes náuticos. Mellorando, ademais, a nosa Festa do Marisco, supoñendo un salto cualitativo de relevancia na calidade da festa e cun importante aforro económico en carpas para o orzamento municipal, coa correspondente xeración de emprego estable, directo e indirecto, no Grove.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Temos un proxecto para abrir O Grove ao mar»