Lara Lois amplía a súa vantaxe á fronte da xeral do Open de España de XCM

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

Cedida

A biker do Extol-La Gramola Team rematou terceira no Scott Marathon Series de Cambrils, terceira proba puntuable para o circuito hispano de maratón

28 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Lara Lois non está disposta a baixar do podio do Open de España de Cross Country Maraton (XCM). Cando menos, así o demostrou nas tres primeiras probas do seu calendario. Logo de gañar as dúas precedentes, a Volta a Córdoba e a carreira de Valladolid, a biker grovense do Extol-La Gramola Team de Lalín rematou o pasado domingo terceira na liña de meta da Scott Marathon Series de Cambrils, unha cita co aliciente engadido de ser puntuable para as UCI Marathon Series, en concreto as de nivel UMSC3.

Nunha cita dun moi alto nivel, Lois tan só foi superada pola xermana Cemile Trommer e pola belga Veerle Cleiren, completando os 63 quilómetros de percorrido e os seus 1.200 metros de desnivel acumulado, especialmente duros no treito de 30 quilómetros polos bosques da Serra da Mussara, a 8 minutos e 17 segundos da primeira. A grovense, pola súa banda, sacoulle 9.20 á cuarta clasificada, Elena Lloret.

Con este resultado Lara Lois chega aos 555 puntos na clasificación xeral do Open de España de Maratón (XCM), ampliando a 184 puntos a súa vantaxe respecto a Encarnación Reguero a falta xa só de dúas probas máis.