Vitoria insuficiente do Rasu, ancorado na penúltima praza

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

Rosario Gondar

Os de Kito Parada, que venceron o pechacancelas, viron como o Camariñas e o Luceros, rivais directos na loita pola permanencia, tamén gañaban

12 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiña que gañar, e o Calmear Rasoeiro superou na tarde do sábado no Pavillón Novo Monte da Vila o pechacancelas do Grupo A da Primeira Estatal. Un Tecdisma Octavio que, a falta xa de unicamente sete xornadas para a conclusión da Liga, está chamado a despedirse da categoría cos seus 4 contados puntos en 23 partidos.

Os de Kito Parada repuxéronse dun mal inicio, co Octavio dominando os primeiros cinco minutos de xogo por un axustado 2-3. Un cuarto de hora despois o Rasu tiña o partido encamiñado, 11-5, elevando a súa vantaxe a +8 ao descanso, 17-9. Liderado no ataque por Álvaro Iglesias, autor dun de cada catro tantos mecos, o cadro grovense acabou impoñéndose 27-24.

O reverso da moeda foron os resultados de quenes están chamados a pelexar co Rasoeiro por evitar a segunda praza de descenso. Un Camariñas e Luceros que gañaban por segunda xornada consecutiva, impoñéndose ao Seis do Nadal (37-29) e ao Teucro B (32-25), respectivamente. Rasu e Camariñas teñen 11 puntos, por 12 do Luceros e dun Oar que caeu á zona de perigo.