O Breogán exerce de anfitrión de catro padexeiras francesas

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

Cedida

Adéstranse durante esta semana con Tono Campos, con Tania Álvarez e mais co seu adestrador, José Luis Otero Padín

21 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Marine Sansinena coñece ben O Grove. Non en van, xa estivera concentrada en varias ocasións na localidade arousá para compartir adestramentos cunha figura internacional do maratón como Tono Campos e coa compañeira deste último no Breogán e integrante habitual tamén da selección española de fondo Tania Álvarez. Marine Sansinena volveu este ano á península meca para avanzar na preparación dunha nova tempada, só que desta volta a padexeira francesa veu acompañada de tres compañeiras do seu club, o ASPTT Dijon Canoë Kayak.

Bronce na modalidade de C-1 Muller Sénior no último Campionato do Mundo de Maratón, Marine Sansinena traballa durante esta semana xunto con outra canoísta e dúas kaiakistas galas con Tono Campos e con Tania Álvarez, e con José Luis Otero Padín, adestrador do Breogán, en calidade de técnico deste grupo circunstancial. Desenvolvendo as súas sesións de traballo entre O Grove e mais o Complexo Deportivo David Cal de Verducido.

A satisfacción pola calidade e polo rendemento do labor realizado no Grove e co equipo técnico e deportivo do Breogán nas súas experiencias anteriores convenceron a Marine Sansinena da conveniencia de repetir a concentración a centos de quilómetros do seu país. Argumentos aos que se sumaron as tres medallas colleitadas por padexeiros do Breogán, con dous títulos e un bronce, na última edición do Campionato do Mundo de Maratón.