Lara Lois reaparece tras a súa lesión como primeira líder do Open de España de Maratón

O GROVE

cedida

A meca remontou a olímpica Fullana e a vixente campioa para gañar en Córdoba

14 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O 16 de setembro do 2018 Lara Lois dicía adeus da peor das maneiras a unha tempada para enmarcar. Co título de campioa do Open de España de BTT Ultramaratón xa baixo o brazo, logo de gañar dúas das tres probas puntuables precedentes, competía na Lalín Bike Race, a proba de clausura do calendario, organizada polo seu club, o Extol-La Gramola Team. Un accidente en carreira rematou coa biker grovense no chan, e coa súa clavícula dereita rota. O pasado domingo, en Córdoba, Lara Lois disputou a súa primeira proba tras a lesión, apenas uns días despois de recibir a alta deportiva. E fíxoo ao grande. Cun golpe de autoridade. Impoñéndose na carreira de apertura do calendario do Open de España de BTT Maratón, con remontada incluída diante de nada menos ca unha medallista olímpica, a mallorquina Marga Fullana, e da gaditana María Díaz Pernía, vixente campioa do circuito da que é considerada a media distancia no ciclismo de montaña.

Lara Lois recordaba onte a súa actuación. Sobre un trazado de 72 quilómetros con saída e con chegada ao centro de Córdoba, «fíxoseme un pouco dura, polo ritmo alto; era a miña primeira carreira tras a lesión». O xen competitivo, e as ganas acumuladas nestes catro meses no dique seco, experimentaron porén en Lois o efecto físico inverso que cabería esperar nunha situación así. «A medida que pasaban os quilómetros, a uns 20 do final, con subidas un pouquiño máis técnicas, sentínme mellor», lembra. Algo ao que axudaron os ánimos e a información que lle proporcionaba o público: «Dicíanme que ía recurtándolles a diferenza a Marga Fullana e a María Díaz». A primeira liderando a proba ata metade da carreira, cando lle sacaba arredor de minuto e medio á galega, apunta esta última.

Agasallo no seu 37º. aniversario

A estrela do Extol-La Gramola Team atrapou a Fullana «na última subida, a uns 12 quilómetros de meta», adiantando a denfesora do título do Open de España de BTT Maratón «na derradeira baixada, a uns 6 ou 7 quilómetros do final». Lara Lois gañou cun tempo de 3 horas, 20 minutos e 57 segundos, con Díaz Pernía a 21 segundos (3.21.18); Marga Fullana, especialista en distancias máis curtas, completou o podio tras virse abaixo e cubrir os 72 quilómetros en 3.25.37. Foi o perfecto agasallo para unha Lara Lois que o domingo celebraba os 37 anos, e logo de ter que levar con resignación case o dobre de tempo de recuperación do habitual nunha rotura de clavícula, fixado nuns 2-3 meses, ao avanzar con máis lentitude o proceso de consolidación do óso soldado.

Tras a tempada pasada un Open de España de Ultramaratón que non se disputa este ano, a xeral da Transgalaica e o Campionato Galego de Rali; Lois aposta no 2019 por ir con todo no Open de España de Maratón, con tres probas máis en marzo e a última en xuño, en Lalín, e acudir ao máximo número de carreiras posible do Open de España de Rali, ademais dos campionatos de España de ambas modalidades. O calendario galego aparecerá na súa axenda nos ocos que lle queden.