O 41,8 % da facturación das firmas millonarias de Arousa provén do mar

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

MARTINA MISER

Cun volume de negocio de 565 millóns, o sector achega o 36 % dos 6.450 empregos das 250 empresas que se moven a partir dos sete díxitos

25 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Que o mar é un dos sustentos vitais de Arousa é unha obviedade que salta á vista con tan só acercarse un día calquera aos portos e ás lonxas do Salnés, ou aos polígonos e demais puntos e áreas industriais repartidas entre O Grove e Valga. Pero ás veces non está de máis tirar de datos para recordar e para subliñar a importancia capital que o medio mariño supón para a economía da comarca. Como os que proporcionan a última actualización da base de datos Ardán, elaborada polo servizo de información empresarial do Consorcio da Zona Franca de Vigo.

Cos datos oficiais e consolidados no Rexistro Mercantil correspondentes ao 2016, o Ardán permite cuantificar que os subsectores que teñen no mar a base da súa actividade empresarial produciron 41,8 de cada 100 euros do volume de negocio das 250 firmas arousás que pecharon o ano con a lo menos un millón de euros de facturación. Falamos de 565.600.486 euros dun global de 1.353.479.644.

A incidencia na economía real do Salnés e do Baixo Ulla das sociedades que se alimentan dos produtos do mar ou das actividades e servizos que se moven arredor del queda tan ou máis patente cando miramos a cifra de postos de traballo rexistrados. Así, no 2016 as 78 empresas con base produtiva mariña e por riba do millón de euros de facturación contaban con 2.307 empregados. Ou o que é o mesmo, o 35,8 % dos 6.450 sumados polas 250 firmas arousás que pecharon o mencionado exercicio económico con sete ou máis díxitos nas súas contas de negocio.

O xigante Garavilla

Cando falamos das sociedades que traballan en, con ou para o mar, facémolo neste caso de empresas de sete subsectores, coa fabricación de conservas de peixe á cabeza.

Conservas Selectas de Galicia, S.L., Garavilla, é o axente determinante á hora de explicar o peso total do sector do mar na economía arousá. Un ano máis é con diferenza a sociedade líder da comarca, tanto por volume de negocio, 201.776.000 euros, case tres veces máis cá segunda, Ardagh Metal Packaging Iberica, S.A.U., como por número de empregados, 432, polos 255 de Cefrico S.L. Cos seus números, e contabilizando sempre o segmento das firmas do Salnés e do Baixo Ulla cunha cifra de negocio millonaria, coloca a conserva, cun global de 299.546.983 euros de facturación, 1.076 nóminas e 18 empresas, como o primeiro dos subsectores do mar ao peche do 2016.

Neste ránking séguenlle o subsector do comercio ao maior de peixes e de mariscos, con 138.148.298 euros de facturación, 271 empregados e 39 sociedades, o procesado de peixes, de crustáceos e de moluscos, con 60.017.696, 580 e 9 firmas, o da acuicultura, con 32.149.820 euros de negocio, 163 nóminas e 7 sociedades, o subsector de depósito e de almacenamento, con Atunlo O Grove, S.L. e con Atunlo Cambados, S.L.U. facturando conxuntamente 13.295.320 euros con 147 operarios, as consignatarias, con P&J Carrasco S.L. e García Reboredo Hermanos S.L. sumando 9.734.514 euros e 20 traballadores, e na construcción de barcos e de estruturas flotantes, Astilleros del Ulla, S.L, en Catoira, cunha conta de 2.557.639 euros e 21 empregados no 2016.

Cinco sociedades entre as escasas trece da comarca con máis de cen traballadores

Tan só son trece as empresas no Salnés e no Baixo Ulla que, segundo recolle o informe Ardán correspondente ao exercicio 2016, empregan a máis de cen traballadores. Unha cifra escasa, que con todo, suma dúas sociedades máis ao listado ca un ano antes. Das trece, cinco, é dicir, o 38,5 %, dedícanse a actividades relacionadas co mar, con Garavilla (432 empregados) e con Cefrico (255), o xigante arousán no subsector do procesado de peixes, de crustáceos e de moluscos, á fronte. Serpeixe (128) e Conservas Friscos, S.A. (127) ocupan os postos sétimo e oitavo no ránking de contratación, e Atunlo O Grove, S.L. (113) o décimo.