O Unión Grove preséntase como o David no seu histórico derbi co Goliat Amanecer

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

miguel souto

O partido de rivalidade xógase esta tarde, desde as cinco, no Monte da Vila. O Juventud Cambados visita nesta xornada o pechacancelas, Antela, e o Vilalonga está obrigado a vencer o seu rival xusto por debaixo na zona baixa da clasificación, o Mondariz

18 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A decimocuarta xornada da Liga de Preferente Galicia concentra esta semana a atención dos afeccionados ao balompé modesto arousán no céspede do Monte da Vila. Alí, a partir das cinco da tarde, o Unión Grove e o Amanecer disputan o primeiro derbi protagonizado por dous equipos mecos na categoría, na que o Amanecer se estrea esta tempada logo de tres longas décadas en competicións federadas.

O técnico anfitrión, Santi Mariño, vestíalle onte ao seu equipo o traxe de David fronte a un visitante elevado á estatura de Goliat: «O normal é que o Amanecer manexe o partido. Ten o dobre de orzamento cá nós, con xogadores que poderían militar perfectamente na Terceira División, coma Tinaia, Suso, Bisti ou Augusto», este último segundo máximo goleador da Liga con 9 tantos. Pola contra, o Unión Grove non só manexa un curto cadro de persoal cheo de rapaces recén saídos da súa etapa xuvenil, ou de equipos de categoría rexional, senón que ademais non pode contar hoxe cos seus dous mediapuntas, Manu Veiga e Tomás, por lesión e por sanción.

Sen Tinaia, e coas dúbidas de Bisti, de Cano, de Javichu e de Cuquín, o adestrador visitante, o illense Ricardo Dios, salientaba na véspera a enerxía que lle dará ao seu rival xogar un derbi, e a urxencia de sumar puntos logo de cinco derrotas consecutivas, penúltimo na clasificación con 10 puntos. Claro que o Amanecer, apunta quen foi tamén técnico do Unión, non anda sobrado de puntos, 16, logo de seis empates e unha derrota nas sete últimas xornadas.

Polo demais, a xornada da Preferente Galicia leva esta tarde o Juventud Cambados (16.15 horas), segundo clasificado, á casa do Antela, o pechacancelas. O Vilalonga, en caída libre, cuarto pola cola da clasificación, recibe na reapertura do Novo San Pedro (17 horas) o Mondariz, situado un posto por debaixo.