Reparto de puntos do Amanecer e do Vilalonga nun pobre duelo

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

MONICA IRAGO

Augusto marcou o 1-0 no minuto 3, e Jesús igualou no 70

01 nov 2018 . Actualizado a las 22:47 h.

Un punto para cada un que non os saca de pobres, pero que sen dúbida deixa máis tocado o conxunto visitante. Cun 1-1 remataron o Amanecer e o Vilalonga o seu derbi nas Lampáns, que arrincaba ao mediodía cos dous conxuntos precisando da vitoria por diferentes razóns. O anfitrión, para soltar ese lastre que lle impide escalar na clasificación pese a chegar á cita tras seis xornadas sen coñecer a derrota, pero con só 8 dos 18 puntos disputados no treito, ao non ser quen de estrear o seu casilleiro de vitorias como local na súa primeira tempada na Preferente. O Vilalonga, en caída libre, cun só punto sumado dos doce últimos en xogo. E todo continuará igual, ou practicamente igual, ata o domingo.

O Amanecer dominou o balón. E apuntaba a poder poñer punto final á súa incapacidade para celebrar un triunfo diante dos seus afeccionados cando no minuto 3 do encontro Augusto acertaba a perforar a portería defendida por Aarón. Yago iniciou a acción cun cambio de orientación cara a Rubén Rial, que recibíu o esférico na área cedéndollo ao goleador local. Ata o seu tanto contou co selo do sufrimento, nun tiro mordido que atopou un final feliz a un semifallo do seu executor.

O Vilalonga estivo desaparecido en ataque na primeira parte, lastrado unha xornada máis polo cóctel que compoñen o seu curto cadro de persoal e as frecuentes lesións, esta vez con Nico e con Pablo reconvertidos a centrais pola forza da necesidade. Claro que o Amanecer pouco máis fixo: un tiro de fóra da área de Rubén Rial, e un balón en profundidade que se lle quedou curto a Javicho ante a saída de Aarón.

Pouco variou o guión na reanudación. Iso si, cos suficientes xiros para evitarlle ao Vilalonga un final dramático. O Amanecer reclamou sen éxito penalti por unha man dun defensor nun remate de Javicho. E na portería contraria, Jesús exprimía no minuto 70 un dos balóns ás costas da defensa grovense cos que o cadro visitante buscou a remontada, nunha mesma acción na que Sergio, o gardamallas local, encaixaba ao terceiro tiro dun atacante rival sen que os seus compañeiros acertaran a completar as súas dúas paradas previas ao gol.

Un cabezazo de Javi foi a única nota ofensiva de consideración do Amanecer tras o 1-1, que deixou destrozado animicamente o equipo de Ricardo Dios. O baixón local facilitoulles aos de Ramiro Sorbet, que perderan a Aarón Trelles por lesión no 64, completar a visita matutina ás Lampáns cun punto no maleteiro.

FICHA:

AMANECER (1): Sergio, César (David Rial, min 85), Cano, Yago, Rubén Rial (Álvaro Longa, min 62), Félix, Bisti, Augusto (Suso, min 72), Pita, Javi e Prieto (Jorge Miser, min 52)

VILALONGA (1): Aarón, Pablo, Jesús, Diego, Nico, Raúl (Martín Rey, min 80), David Calo, Gabriel (Adrián Santos, min 90), Javier, Brian e Aarón Trelles (Patón, min 64)

Goles: 1-0, min 3: Augusto. 1-1, min 70: Jesús.

Árbitro: Iván Morlán (A Coruña), auxiliado nas bandas por Diego Seoane e por Samuel Pardo. Amonestou os xogadores locais Rubén Rial e César, e os visitantes Javier e Nico.