Tempada de paixón para un Rasoeiro de adeuses

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

MARTINA MISER

Kito Parada colga as botas de novo, e o sénior feminino desfaise

17 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os socios e demais afeccionados ao Rasoeiro deberán facer máis gala se cabe do seu cariño polo club na vindeira tempada que arrincará en cousa de mes e medio. Un curso de dura transición, no que as expectativas xeradas a campaña anterior, sobre todo polo conxunto sénior feminino, quedan en suspenso, cando non definitivamente eliminadas de calquera ecuación pensada para un feliz balance de puros resultados clasificatorios.

Primeiro, porque o equipo sénior feminino xa non existe. Desde o club grovense explicaron onte que eran poucas as rapazas dispostas a continuar nun proxecto co que o Rasoeiro gozou a pasada primavera dunha fase de ascenso á División de Honra B. Lara, a mellor xogadora do plantel, marcha a Barcelona a cursar un máster, e con pouco máis de media ducia de balonmanistas implicadas ao cento por cento, optouse por prescindir do equipo e, con el, do referente no que poder ollar as xogadoras da canteira.

O plantel sénior masculino sairá competir. E de novo na Primeira División, a categoría de bronce do balonmán español. E se ben no proxecto continúan dous de cada tres xogadores, as baixas rexistradas, e a forma de enfocar o equipo a vindeira tempada, fan pensar que a permanencia dos de Kito Parada será todo, agás un camiño de rosas. Sobre todo pola identidade de dúas das baixas rexistradas.

Comezando pola do propio adestrador, que tras retirarse con 30 anos volvía con 37 a medio curso para superar a delicada situación que vivía entón o Rasoeiro na Primeira Autonómica. No exercicio seguinte o Rasu acadaba o seu histórico ascenso a Nacional, onde Kito Parada seguíu compaxinando a dirección deportiva e o posto de central os dous últimos exercicios. Con 42 anos, entende que chegou o momento de dicir adeus para centrarse en levar a bo porto a transición en marcha. Ángel Noya, o talentoso porteiro que daba seguridade á defensa en 6-0 do cadro meco, fichou polo Teucro B, deixando con el o Rasu os outros tres balonmanistas de Pontevedra, o central Iago Senra, titular os partidos que o seu traballo lle permitía disputar, e os extremos Roibás e Javi Noya.

Para compensar as baixas, Parada recuperou a Quique, un veterán porteiro da casa, a Alberto López, lateral esquerdo de Pontedeume que o ano pasado volvera á súa localidade por traballo, e que neste está de regreso en Vilalonga, e Pablo Garrido, central grovense que o curso anterior militara no Bueu, e que «nos vai dar moita frescura», comentaba onte o seu de novo adestrador.

 

Rivais tamén de Asturias

Kito Parada salienta que «lle quero dar máis protagonismo a cinco dos nosos xuvenís, porque temos que ir pensando no equipo a cinco anos, e temos unha xeración moi traballadora», o que dificultará unha Liga endurecida pola inclusión de dous equipos asturianos, o Jovellanos e Gijón.