Pai e fillo vogando co espírito do seu «Pabliño»

Irmán do malogrado adestrador do Amegrove que lle dá nome á súa traíña, e segunda xeración dunha saga ligada á fundación do club, Miguel Otero Aguín descolgou o remo 15 anos despois para compartir bancada co seu primoxénito

.

vilagarcía / la voz

«Creo que ninguén o fixera antes no club, non sei se na Liga...». Miguel Ángel Otero Otero, Máikel (O Grove, 31/VIII/2000) refírese á particular relación que mantén con Miguel Ángel Otero Aguín, Chapelo (1/X/1967) no barco co que o Amegrove Club de Remo está a competir na Liga Galega de Traíñas. Unha cuestión familiar que afunde as súas raíces na fundación do club grovense, aló no ano 1980, rebordando o contido para facer do continente compartido por fillo e por pai un personaxe máis desta historia aparentemente única, cando menos no remo galego. Acompañados en cada saída ao mar do espírito do irmán de Chapelo e do tío de Máikel Pablo Otero Aguín, o malogrado adestrador do Amegrove falecido no ano 2004 por un cancro cando non cumprira inda os 30, eterno na proa da traíña mexilloeira á que lle dá nome.

 

 

«Meu pai e meu tío Antonio remaron na primeira traíña do club, no ano 1981. Foron adestradores da canteira, e meu tío patrón da traíña cando o deixou Ricardo Fontoira. Eramos tres irmáns, Antonio, o maior, Pablo e mais eu, e os tres remeiros, como os fillos do meu tío Antonio, Juan Antonio e Alejandro», lembra Chapelo. Todos, agás o seu irmán Antonio, por traballo, chegaron a coincidir na traíña, a primeira xeración na dirección técnica, a segunda movendo remos.

Vinte anos botou Miguel Ángel Otero Aguín dentro do buque insignia do club mexilloeiro. De 1980 ao 2001, cunha única bparéntese en 1993. Gozando en categoría xuvenil dos títulos de campión de España de batel no ano 84 e un despois do primeiro que se disputou a nivel nacional en traiñeiriñas ademais do subcampionato de bateis. Dous bronces no Campionato de España Absoluto de Traíñas, en 1996 e en 1999, completaron o palmarés de Chapelo antes do que, pensara daquela, sería o seu punto final deportivo. Un fillo cambioulle a vida.

Quince anos despois «retomeino por remar co meu fillo maior na traíña», conta. No outono do 2016 Máikel foi o primeiro sorprendido ao ver entrar o pai na xuntanza na que cada ano o club e os seus remeiros preparan a pretempada.

Un par de meses despois o soño do pai fíxose realidade. A medias. No Memorial Lágar do Grove, nunha das primeiras regatas contrarreloxio de pretempada. «Nunca pensara que puidera remar co meu pai. Foi un momento moi especial. Un momento que sempre vou recordar», exclama Máikel. Sobre todo porque puideron facelo ombreiro con ombreiro, o proxenitor no 4 de babor e o seu primoxénito no 4 de estribor. Un recordo con final abrupto, por canto «a un compañeiro lle deu un tirón na columna, e tivemos que parar», lembra Chapelo.

 

Ilusión a proba de chascos

Claro que o maior chasco estaba por vir. Tras as tempadas de bateis e de traiñeiriñas, que Miguel Ángel Otero júnior completou en barcos da súa categoría, a xuvenil, «ao final non tiña ganas de facer a tempada de traíñas, non me sentía motivado». O sacrificio do seu pai quedaba sen recompensa, mais tamén sen reproche. «¡Eu, nada! Xa estaba metido no choio», declara este, e seguíu adiante coa motivación de poder pechar o círculo do seu soño a tempada seguinte. Tocaba continuar cun réxime de traballo escravo. Mariñeiro de enmalle, «saio de madrugada ao mar, e non chego ata a tarde a porto. Compaxinalo coa traíña é complicado. Hai días que chego a terra, cámbiome, vou adestrar e para casa e á cama. Pero a ilusión dáche forza. Se de verdade te propós facer as cousas, sempre buscas a forma de facelas», apunta Chapelo. «Para min ten un mérito que non ten ningún outro. E faino por min. ¡É unha sensación indescriptible!», declara o fillo, que este ano puxo a súa parte para recompensar o seu pai.

Despois de remar xuntos na contrarreloxio de pretempada de Bueu en diferentes puntos da traíña, «nunha regata de bateis xuntáronnos para completar un barco sénior máis. El remou de estribor 1 e eu de babor 1. Foi un sentimento especial. Foi un orgullo remar a carón do meu fillo». «¡¡¡Ufff!!! foi unha sensación mellor ca na traíña. Vou recordar máis esa regata», di Máikel.

O 28 de xullo, en Castropol, o seu adestrador reuníunos por primeira vez nunha regata oficial da Liga Galega de Traíñas. «Meus compañeiros dixéronme ‘Ese si que é un orgullo, remar un pai e un fillo xuntos’», conta Chapelo. «Non se me corre nada que poida facer con el no remo que poida superar isto», di a terceira xeración da saga Otero en Amegrove.

Vivir todo isto na bancada da Pabliño «remar co meu fillo nela, inda lle dá máis emoción. Levo un ghusanillo comigo...», di o irmán do lendario adestrador de Amegrove. «Era un rapaz cando faleceu meu tío. Sei o importante que foi e é para o club. Por iso son moi feliz de poder remar con meu pai na súa traíña», engade Máikel.

 

Por traballo, un, por estudos, o outro, ven moi complicado repetir na traíña a vindeira tempada. Nun par de anos o fillo pequeno de Chapelo, Álvaro, terá idade para embarcarse na Pabliño. «¡Bufff! ¡Remar os tres xuntos sería brutal! exclama seu irmán. Para o pai «sería completalo todo». Disque se de verdade te propós facer as cousas, sempre buscas a forma de facelas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Pai e fillo vogando co espírito do seu «Pabliño»